Amplían ata o 13 de decembro o prazo para renovar a iluminación na zona sur da cidade
Por Alejandro Espiño
Os problemas coa subministración de materiais obrigaron á empresa Setga a pedir unha prórroga de tres meses para completar a renovación de todos os puntos da iluminación pública na zona sur da cidade. Terá de prazo ata o próximo 13 de decembro.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o Concello autorizará a ampliación do prazo ao xustificar a empresa as causas que lles impediron cumprir cos tempos fixados na licitación.
Así, entre outras cuestións, Setga alega que a recente folga do metal na provincia de Pontevedra atrasou a entrega dos materiais necesarios para completar a obra, ao que se suma os problemas de subministración que sofre en xeral todo o sector.
Esta obra, orzada en 1,56 millóns de euros, supón o cambio a LED de toda a iluminación pública en todo o barrio de Campolongo, O Gorgullón, a Avenida de Vigo ata O Marco e a zona de Beiramar, incluídas A Moureira, A Barca ou a rúa Riestra.
Están a renovarse máis de 1.600 luminarias e cambiaranse un total de 32 cadros de mando.
Setga calcula que coa renovación de todo esta iluminación pública o Concello poida aforrarse uns 370.000 euros anuais na factura da luz.