A APDR demanda solucións aos vertidos de augas fecais de Combarro e anima á cidadanía a abordar o tema de forma colectiva
Por Redacción
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) esixe ao Concello de Poio solucións ao problema dos vertidos das augas fecais en Combarro despois de que o pasado 29 de agosto se producira un último episodio na praia do Padrón.
Xosé Ríos, vogal da APDR pide o alcalde, Ángel Moldes, que "se deixe escusas" e "acometa con decisión" a solución ao problema.
Ademais, fai un chamamento aos colectivos sociais interesados no tema para "manter contactos que permitan abordar de forma colectiva" o problema do saneamento da Ría de Pontevedra e outros asuntos de interese na contorna.
Para a APDR, o vertido pon sobre a mesa "carencias graves" no saneamento de Poio e resulta "moi negativo que se pretenda remendar máis que solucionar".
Lembra que o saneamento da Ría está "baixo a ollada atenta de Bruxelas", que Poio é unha zona "altamente dependente" do marisqueo e da pesca e que a hostalería é a segunda actividade máis importante de Combarro, de maneira que "non se concibe que se produzan vertidos de augas fecais nunha praia pública aberta ao baño, e nun banco marisqueiro".