APDR reutiliza as lonas das súas pancartas para crear bolsas e mochilas nesta campaña de Nadal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Antigas lonas co lema 'Ence fóra da ría' e outras reivindicacións da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) foron recicladas para se converter en bolsas para a compra, mochilas, neceseres e outros elementos resistentes e impermeables.
Sara Formoso, representante do proxecto pontevedrés Tombo, asumíu o reto de traballar con este material para elaborar produtos que permanecen á venda nesta campaña de Nadal na sede da APDR ou a través das redes sociais do colectivo ecoloxista.
"Levábamos anos tentando desenvolver esta iniciativa", afirma Antón Masa, presidente da APDR, "temos moitas lonas desde que comezamos a facer pancartas. Falamos con ONGs como Boa Vida pero non lles resultaba fácil traballar este material".
O actor Miro Magariños foi quen os puxo en contacto con Sara Formoso, que de maneira desinteresada viu as "posibilidades" que ofrecían as lonas para estas creacións. "Os debuxos son da APDR, eu o que fixen foi dar outra forma", sinala a creadora que traballa habitualmente na elaboración de bolsos con teas que se empregan en barcos.
Desta forma, quince das numerosas pancartas da asociación están agora recicladas co obxectivo de que teñan unha segunda vida como agasallo de Nadal e que as persoas que as utilicen se identifiquen con elas.
Sara Formoso lembra a necesidade de reutilizar este tipo de lonas y pancartas, que deixaron de ser empregadas co paso do tempo, habituais tanto en ámbitos deportivos como doutro tipo de colectivos. "É unha maneira de crear exemplo", asegura.
Os prezos son adaptables ás posibilidades das persoas interesada en adquirilas. Por exemplo, un neceser ten un prezo base de 20 euros e as mochilas sitúanse en 30. "Desde que saiu a proposta xa estaban vendidas moitas delas", indica Antón Masa.
Cada un destes produtos leva unha nota no seu interior contando a historia da súa elaboración e reivindicando o saneamento e a recuperación da ría mantendo a aspiración de "conseguir para a nosa Ría e para a nosa comarca un futuro sen ENCE que ninguén nos vai poder arrebatar".
Relacionadas:
-
A APDR considera que algunhas propostas do plan de usos de Tambo contradin a protección ambiental da illa
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR demanda solucións aos vertidos de fecais de Combarro e anima a abordar o tema de forma colectiva
Por Redacción |
-
A APDR denuncia a presenza dunha vertedura no Lérez próxima ás pontes do tren
Por Redacción |
-
A sentenza do Supremo non frea a marcha anual contra ENCE: "Non renunciamos a un futuro sen ENCE na ría"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |