A encrucillada dunha familia: separar aos seus fillos en dous colexios ou agrupalos nun sen dereito a transporte escolar
Por María José Pita & Mónica Patxot
O próximo luns 11 de setembro comeza o curso escolar. Previo a esta data, nas casas adóitanse planificar horarios e desprazamentos para que a xornada se desenvolva con total normalidade. Agás no fogar dos Vidal González. A menos dunha semana do retorno ás aulas, esta familia numerosa de Pontevedra vive dende hai meses coa incerteza de non saber en que colexio estudarán os seus tres fillos: unha nena de 9 anos e dous nenos de 7 e 3.
O pai de familia, Alfonso Vidal, relata que esta situación comeza en decembro de 2022, cando cambiaron o seu domicilio dende a contorna do Hospital Provincial ao barrio da Parda. Este traslado implicaba tamén mudar de centro escolar, xa que a asignación de colexio vai en función da zona na que se resida. "Os dous maiores estaban no colexio Vidal Portela e, para non cambialos a metade de curso, decidimos mantelos alí".
Ese último tramo do curso escolar puideron afrontalo xa que "a miña muller tiña entón redución de xornada para poder conciliar". Doutro xeito, sinala que sería imposible poder levar e recoller os nenos nun colexio que se sitúa a dous quilómetros de distancia da súa casa, nunha zona á que tampouco chega ningunha liña de transporte público. O autobús escolar xa asumiran que non o ían ter, xa que a súa nova vivenda está fóra da zonificación do CEIP Vidal Portela.
No mes de marzo de 2023 abriuse o período de matriculación para o curso 2023-24 e a familia solicita praza no CEIP Villaverde-Mourente para os tres fillos. "É o colexio que lle corresponde á nosa zona, tamén o de Marcón, pero miramos e non nos ían ben os horarios, ademáis para o Villaverde temos a parada do transporte escolar a só dez metros da porta da casa".
En maio informáronlles de que "había que desdobrar" aos nenos en dous colexios
Á agarda da confirmación de que os tres fillos foran admitidos, contactaron varias veces co colexio Villaverde. Ata que no mes de maio atopáronse coa sorpresa de que o propio centro lles informaba de que "había que desdobrar", é dicir, que a nena maior e o menor de tres anos estaban admitidos no centro pero que o fillo de sete anos debía quedar no CEIP Vidal Portela. A razón que lle deron é que no Villaverde era imposible aceptalo dado que estaba cuberta a ratio da súa aula.
Para os Vidal González este argumento carece de sentido. "Este fillo de 7 anos, cando estaba no Vidal Portela, na súa clase eran 25 e meteron un máis porque era un rapaz desprazado". Non entende que nuns casos esta excepción sexa posible e no seu non.
O seguinte paso foi contactar co CEIP Vidal Portela e alí informaron á familia de que, como querían que os tres nenos estivesen no mesmo colexio, ofrecíanlle a opción de matricular aos tres fillos no centro. Alfonso Vidal explica as razóns polas que se lles fai imposible aceptar esta proposta. Por una lado, a distancia. "Son dous quilómetros ida e dous volta a pé os tres nenos, o máis pequeno de 3 anos, ademáis con chuvia en inverno o último tramo pola Pasarela e a rúa José Malvar é imposible, chegarían calados a clase". E por outro, que o transporte escolar para moi lonxe da súa casa. "E tampouco temos posibilidade de transporte público, que non hai".
No caso de que se ampliase a ruta de transporte escolar estarían dispostos a acceder a matricular aos tres nenos no Vidal Portela. A resposta das autoridades educativas é que non se poden ampliar as rutas. Neste punto, Alfonso recalca que por parte do persoal dos dous colexios nomeados, Vidal Portela e Villaverde, o trato foi inmellorable e conciliador, "pero non poden facer nada máis".
Esta familia levou o caso ante a Valedora do Pobo, e cónstalle que "entrou a trámite"
Esta familia levou o caso ante a Valedora do Pobo, e cónstalle que "entrou a trámite". O problema é que o tempo conta na súa contra, xa que restan apenas tres días laborables para o comezo do curso. "Onte (o luns 2 de setembro) falei con Escolarización e teñen constancia da queixa na Valedora, dixéronme que o falarían coa inspectora, pero nada máis". Alfonso teme que este último contacto non traia a solución que precisan.
"Cando comezamos con este problema, falamos con Educación e dixéronnos que a Comisión de Escolarización, onde se ía tratar este caso, reuniríase en xuño. Máis tarde chamamos varias veces para saber o resultado e dinnos que aínda non se reunira. Ata que a mediados de xullo dixéronnos que, tras a reunión, a situación quedaba da seguinte maneira: dous nenos no Villaverde e un no Vidal Portela ou os tres nenos no Vidal Portela. Incluso puiden falar coa inspectora e díxome que non podía facer nada máis. Ou sexa, que non avanzamos nada".
Este pai asegura que neste momento se atopan angustiados e necesitan resolver esta situación. Tanto él como a súa muller xa traballan a xornada completa. "Con tres fillos non nos podemos permitir estar a media xornada. Levo traballando dende os 16 anos, pagando os meus impostos e non entendo como non se nos recoñecen os nosos dereitos, os dereitos como familia numerosa e os dos nenos".
Malia a súa preocupación, tentan que os seus fillos non se vexan afectados. "É complicado porque os maiores saben da situación e preguntan a que colexio van ir". Na mañá deste martes toda a familia achegouse ao colexio Villaverde porque o máis pequeno, de 3 anos, estaba convocado para coñecer á súa profesora. Ese foi o escenario das fotografías que acompañan a esta noticia.
Recapitulando esta longa historia, Alfonso Vidal resume a petición da súa familia: que os seus tres fillos sexan aceptados no colexio Villaverde, o que lles corresponde por zona, ou se só queda a opción de que os tres estean no Vidal Portela, que Educación poña os medios para que se cumpra o dereito dos nenos a dispoñer de transporte escolar.