Tres empresas optan a rehabilitar o auditorio Emilia Pardo Bazán
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo recibiu tres ofertas de oras tantas empresas para executar a rehabilitación do auditorio Emilia Pardo Bazán. Trátase de Construcciones Castro Figueiro, Oreco Balgón e a UTE Centro das Artes Emilia Pardo Bazán, formada por Construcciones Ramírez y Obras y Servizos Gómez Crespo.
Os técnicos municipais atópanse agora valorando as ofertas segundo os criterios técnicos e económicos do prego.
Construído no ano 2002, o auditorio ten na actualidade importantes deficiencias enerxéticas, lumínicas e térmicas e limitacións de accesibilidade.
No novo proxecto contémplase melloras de iluminación, remodelación do patio de butacas, renovación da climatización do espazo, a substitución completa da cuberta, así como melloras tecnolóxicas que axuden a convertelo nun edificio eficiente.
O obxectivo da reforma é conservar a esencia do edificio cunha revisión en profundidade da cara exterior da fachada, así como a das terrazas e os patios exteriores e o seu mantemento. Prevese a instalación de elementos de illamento acústico nas zonas da biblioteca, as salas de ensaio e a sala de música, cunha ampliación da funcionalidade destes espazos.
Ademais, exponse unha mellora de accesibilidade desde o centro urbano con estacións de recarga de coche eléctrico e aparcamentos para bicicletas e patinetes.
O Concello sacou a licitación a obra por case 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de seis meses. A actuación conta cunha subvención de 1.479.000 euros do programa de axudas para rehabilitación de patrimonio público que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.