O BNG leva ao Parlamento galego a expulsión do Ateneo da sede de Benito Corbal
Por Redacción
O BNG, encabezado por Luís Bará, levou ao Parlamento Galego a expulsión do Ateneo do edificio administrativo de Benito Corbal.
Segundo Bará, "chama a atención a exclusión dunha entidade cultural da historia e da relevancia do Ateneo, mentres que foron adxudicatarios algúns colectivos que case non teñen actividade pública ou que se desenvolve en momentos puntuais".
Para o partido é significativo que entre os beneficiarios do reparto figura a entidade 'Red Madre Pontevedra', unha organización antiabortista que forma parte do ultraconservador Foro de la Familia e que foi promovida e protexida en Galiza mediante unha lei, de iniciativa popular, que blinda as súas actividades. No baremo feito público, esta entidade é a novena con maior puntuación.
Neste senso, o BNG rexistrou o pasado 30 de agosto unha batería de preguntas parlamentares nas que pide explicacións ao goberno da Xunta sobre este tema porque "non se entende que o Ateneo non entre nunha relación de 29 colectivos beneficiarios do reparto".
Lembra, ademais, que esta entidade fixo público un comunicado no que denuncia a súa exclusión e critica a non axeitada valoración de aspectos fundamentais da súa actividade e solicita ao goberno galego que "informe dos motivos polos que o Ateneo foi excluido do reparto".
Por estes motivos, o grupo parlamentar pregunta á Xunta se considera xusta a exclusión do Ateneo de Pontevedra do reparto de locais do edificio administrativo de Benito Corbal en Pontevedra; como valora as críticas públicas que fixo o Ateneo á aplicación dos criterios de reparto por parte da administración; como valora que unha entidade antiabortista como Red Madre figure entre as máis valoradas e adxudicataria dun dos locais; e, finalmente, se o goberno galego vai levar a cabo unha revisión de oficio da baremación e da puntuación obtida polas entidades solicitantes.
Relacionadas:
-
A Xunta esgrime motivos "técnicos" para deixar o Ateneo sen local en Pontevedra e o BNG ve "unha interpretación sesgada"
Por Redacción |
-
O Ateneo entrega as chaves do seu local de Benito Corbal con críticas á decisión "irresponsable e prepotente" da Xunta
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Xunta, tras quedar o Ateneo sen local: "O criterio de cesión é exclusivamente técnico"
Por Redacción |
-
O PSOE leva a Pleno a "represalia do PP" contra o Ateneo, que quedou sen sede no edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |