O Ateneo entrega as chaves do seu local de Benito Corbal con críticas á decisión "irresponsable e prepotente" da Xunta
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O Ateneo de Pontevedra entregou formalmente ás 13.00 horas deste xoves 31 de agosto as chaves do seu local no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal. A partir deste venres 1 de setembro, como resultado da última adxudicación de locais, perden a súa sede actual e, coincidindo con ese momento, organizaron un acto reivindicativo.
Arroupado por decenas de socios e simpatizantes do Ateneo ante a que ata agora era a súa sede, o presidente do Ateneo, Xaime Toxo, leu un manifesto no que fala de "ofensa, irracional e absurda" por parte da Xunta de Galicia ao deixalos sen local e as poetas Carmen Quinteiro e Ana Corzo leron dous poemas.
A preguntas dos medios de comunicación, Toxo fixo unha "reflexión de optimismo" que matizou que "non necesariamente de agravio, nin de enfado nin de molestia".
"Consideramos que esta foi unha decisión equivocada por parte da Xunta de Galicia", sinalou, ao tempo que advertiu que o Ateneo vai continuar, "por suposto", e vai seguir na súa mesma liña de facer "unha cultura cidadá, unha cultura aberta, todo o inclusiva que se poida entender, e, fundamentalmente, unha cultura de rigor e que traballe sobre a actualidade, sobre o presente e sobre a realidade".
Ante a pregunta directa de se ve unha represalia política por parte da Xunta de Galicia, Toxo matizou que "non sabería dicilo realmente", pero que o que ve nesa decisión é "moitísima ignorancia, moitísima soberbia e moitísima prepotencia" por parte do Goberno Galego.
O manifesto lido por Toxo agradece a solidariedade recibida durante estas derradeiras semanas por parte de particulares e colectivos cidadáns que sentiron esta "aldraxe" como "inxusta e propia". En declaracións aos medios, amosouse especialmente agradecido co PSOE local, que levará o asunto ao Pleno do Concello de Pontevedra e ao Parlamento de Galicia.
Á hora de amosar o seu desacordo coa decisión da Xunta de Galicia, falan de "falta de rigor e ignorancia" na baremación e tamén de que a Xunta está a "negar a realidade evidente de que o Ateneo de Pontevedra é – hoxe en día e no ámbito cultural – a asociación máis relevante e activa na cidade", que leva a cabo un maior número de actos, cun maior recoñecemento social e cunha dimensión que excede a contorna do local.
Ven, así, que a Xunta actúa de xeito "irresponsable e prepotente", e manifesta unha "escora notoria" cara a formas de cultura "mercantilista, anacrónica e de dubidosa imparcialidade confesional".
NOVO LOCAL
O presidente do Ateneo sinalou que aínda non teñen pensado "absolutamente nada" sobre o novo local ao que se mudarán. Contan con algunhas ofertas, pero todas "provisorias".
Si que confirmou que o avogado Vicente García Legísima presentou un recurso á decisión da Xunta, aínda que "non temos moita confianza en que teña un resultado positivo para o Ateneo de Pontevedra".
Relacionadas:
-
O Centro Sur, novo fogar para un Ateneo que promete seguir sendo un "foro da palabra e de debate"
Por Alejandro Espiño |
-
A expulsión do Ateneo do seu local en Benito Corbal, unha decisión "consciente e planificada" para PSOE e BNG
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez ofrece ao Ateneo espazos do Museo para actividades culturais
Por Redacción |
-
A Xunta esgrime motivos "técnicos" para deixar o Ateneo sen local en Pontevedra e o BNG ve "unha interpretación sesgada"
Por Redacción |
-
O BNG leva ao Parlamento galego a expulsión do Ateneo da sede de Benito Corbal
Por Redacción |
-
A Xunta, tras quedar o Ateneo sen local: "O criterio de cesión é exclusivamente técnico"
Por Redacción |
-
O PSOE leva a Pleno a "represalia do PP" contra o Ateneo, que quedou sen sede no edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |