O Centro Sur, novo fogar para un Ateneo que promete seguir sendo un "foro da palabra e de debate"
Por Alejandro Espiño
Tras semanas de incerteza sobre o seu futuro, o Ateneo de Pontevedra xa ten novo fogar. Será o Centro Sur de Campolongo. Ocuparán un local cedido polo Concello despois de quedar sen espazo no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, entregoulle este luns as chaves do centro ao presidente do Ateneo, Xaime Toxo, despois de manter un encontro en dependencias municipais coa directiva desta entidade cultural.
Fernández Lores sostivo que "non entendemos e criticamos" que a Xunta de Galicia expulsase ao Ateneo das súas instalacións porque "se hai unha entidade que tiña xustificado estar alí eran eles", debido á intensa actividade cultural que desenvolven desde hai 56 anos.
Tras estudar diversas alternativas, o Concello acolleraos no Centro Sur, unhas instalacións que están chamadas a ser un centro "de moito dinamismo" e que, ademais, conta cun salón de actos de grandes dimensións para celebrar nel todo tipo de actividades.
Xaime Toxo agradeceu a "áxil" resposta do goberno municipal para atender as necesidades de espazo do Ateneo de Pontevedra, que promete seguir sendo un "foro da palabra e de debate" coa participación cidadá por bandeira.
Fortalecer o tecido cidadán, segundo Toxo, "é o ADN de calquera cidade" e esta participación social, engadiu o presidente deste colectivo, "é moi bo sinal de saúde".
Por iso é polo que criticase duramente á Xunta pola expulsión do Ateneo de Benito Corbal, unha decisión coa que quixeron "enmudecer" a este foro. "E o máis grave", subliñou, foi unha xustificación "que non ten cabida en sociedades que funcionan democraticamente".
"Chegouse a ese punto pola pretensión da Xunta de non contar coa cidadanía e actuar de xeito soberbio e despótico", denunciou o presidente do Ateneo, que censurou tamén o comportamento do vicepresidente da Deputación de Pontevedra.
Rafa Domínguez, que publicamente lles ofreceu un espazo no Museo de Pontevedra, actuou de maneira "impresentable", segundo Xaime Toxo, porque lles convocaron a unha reunión na que, asegurou, foi organizada "para vendernos fume".
Sexa como sexa, o Ateneo avanza que "non nos negamos a traballar con ningunha institución porque son parte deste país", pero advertiu que "non se poden facer donos do que non é deles".
Relacionadas:
-
Preséntase este xoves '70º Norte', a primeira novela de Xaime Toxo
Por Redacción |
-
A expulsión do Ateneo do seu local en Benito Corbal, unha decisión "consciente e planificada" para PSOE e BNG
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez ofrece ao Ateneo espazos do Museo para actividades culturais
Por Redacción |
-
A Xunta esgrime motivos "técnicos" para deixar o Ateneo sen local en Pontevedra e o BNG ve "unha interpretación sesgada"
Por Redacción |
-
O Ateneo entrega as chaves do seu local de Benito Corbal con críticas á decisión "irresponsable e prepotente" da Xunta
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |