A expulsión do Ateneo do seu local en Benito Corbal, unha decisión "consciente e planificada" para PSOE e BNG
Por Redacción
A polémica sobre a expulsión do Ateneo de Pontevedra do local que ocupaba no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal chegou este venres ao Parlamento galego. Fíxoo da man da deputada socialista Paloma Castro.
A proposta presentada polo PSdeG-PSOE instaba á Xunta a aceptar o recurso de reposición presentado pola entidade, que quedou fóra do reparto dos locais nese edificio tras gozar del durante catro anos, ou do contrario facilitarlle outra sede no municipio.
Castro acusou o PP de botar man de "criterios políticos" para "silenciar a unhas asociacións e potenciar ás que son da súa corda" e lamentou que se lle dea local á fundación antiabortista Red Madre, e o Ateneo, "que traballa pola liberdade de pensamento e pola igualdade real", é excluído.
A deputada socialista considera que este "despropósito" fai que a sociedade pontevedresa estea "consternada" e esixiulle ao goberno que "se axuste a dereito e non fagan unha interpretación partidista nin ideolóxica" para tomar unha "decisión política errónea e inxusta".
A estas críticas sumouse o BNG, a través do deputado Luis Bará, que asegurou que esta foi unha decisión "consciente e planificada" para deixar fóra do reparto ao Ateneo, unha das asociacións "con maior vida e activismo" da cidade de Pontevedra.
"Houbo unha valoración completamente inadecuada e errónea da proposta do Ateneo", afirmou o parlamentario nacionalista, para quen isto se debeu á "ignorancia e descoñecemento ou á mala fe" da comisión que valorou as bases deste proceso.
Bará lamenta que se "desprezara así" a importancia desta entidade e considera que a Xunta "está a tempo de rectificar" e atender o recurso presentado polo Ateneo e realizar un novo baremado das propostas presentadas a este proceso de cesión de locais.
Pola contra, Elena Suárez, deputada do PP, criticou que BNG e PSdeG pretendan que a Xunta cometa unha irregularidade adxudicando ao Ateneo de Pontevedra un local, cando a comisión de valoración avaliou os seus méritos e quedou no posto 31 das 36 entidades que se presentaron.
"Polo que se ve, BNG e PSdeG dan carnés de boas e malas asociacións, apoiando ás entidades que teñen afinidade política ou ideolóxica co seu ideario e desprezando ao resto", censurou, sinalando que foi un proceso de adxudicación "con publicidade, obxectividade e transparencia".
Suárez considera que o Ateneo "está no seu dereito" de presentar as reclamacións e recursos "que crea necesarios" e sobre elas se manifestará a comisión de valoración, pero reiterou que a Xunta "non cometerá ningunha irregularidade nin ningunha ilegalidade" con este reparto.
Relacionadas:
-
O Centro Sur, novo fogar para un Ateneo que promete seguir sendo un "foro da palabra e de debate"
Por Alejandro Espiño |
-
O debate pola amnistía embaza a concordia do pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez ofrece ao Ateneo espazos do Museo para actividades culturais
Por Redacción |
-
A Xunta esgrime motivos "técnicos" para deixar o Ateneo sen local en Pontevedra e o BNG ve "unha interpretación sesgada"
Por Redacción |
-
O Ateneo entrega as chaves do seu local de Benito Corbal con críticas á decisión "irresponsable e prepotente" da Xunta
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |