Jorge Canda cede e anuncia a dimisión do concelleiro que mantiña a súa acta vivindo en México
Por Redacción
Jorge Canda cedeu finalmente ás presións que, tamén desde as filas do Partido Popular, esixíanlle tomar medidas sobre a situación de Juan Carlos Piñeiro, o concelleiro que mantiña o seu posto na corporación municipal da Lama malia terse ido a traballar a México. O alcalde asegura que o edil renunciará á súa acta de concelleiro. Remitiraa nos próximos días por correo electrónico.
Esta renuncia chega horas despois de que Alberto Núñez Feijóo asegurase que era "absolutamente incompatible" ser concelleiro na Lama e residir en México. A polémica, que o alcalde asegura non entender, ao renunciar Juan Carlos Piñeiro o pasado 31 de decembro á dedicación exclusiva que gozaba como tenente de alcalde, saltou á opinión pública trala denuncia realizada polo concelleiro do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro.
Hoxe, tras coñecerse esta dimisión, a agrupación socialista da Lama, celebrou esta decisión aínda que aseguran que "lamentamos profundamente o espectáculo que deu o Partido Popular na Lama, situándose en contra da súa dirección nacional, e dando unha imaxe do pobo precaria". Nun comunicado, asinado polo propio Vaqueiro, responsabilizan a Jorge Canda desta crise de goberno e da "inestabilidade evidente" do goberno.
Tamén se pronunciou respecto diso Erundina Louro, portavoz do BNG en dito municipio. Recoñece que "sen estar en absoluto de acordo" con que mantivese a súa acta, aceptou darlle a concelleiro popular un tempo para facer firme a súa renuncia "se se producía unha consolidación e adaptación da súa familia ao país e ao novo posto de traballo", xa que asegura que "estamos moi acostumados á xente que emigra, por desgraza, pasa en todas as formacións políticas".
Pero máis aló diso, cualifica como "absolutamente intolerable" que puidera manter o seu salario municipal cando xa non estaba no país. Por iso, anuncia que verificarán as súas retribucións salariais "e se cobrou algo que non lle corresponde terá que devolvelo".
Ademais, o BNG insta a que cesen as ameazas e insultos que está recibindo o portavoz socialista tras denunciar esta situación; "acoso que nós xa sufrimos en moitas ocasións", recorda. Erundina Louro pide a Rafael Louzán, como responsable do PP en Pontevedra, a que "faga cesar estas actitudes" ou se verán obrigados de novo, di, a pedir a dimisión de Jorge Canda "por amparar, consentir e alentar este tipo de condutas pouco éticas e pouco democráticas cara o exercicio da oposición".
Relacionadas:
-
O tenente de alcalde da Lama devolveu os cartos cobrados "por error" tralo seu cese, segundo Jorge Canda
Por Redacción |
-
Núñez Feijóo asegura que é "absolutamente incompatible" ser concelleiro na Lama con vivir en México
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O PP non "respalda" que o ex tenente de alcalde da Lama cobrase a dedicación exclusiva vivindo en México
Por Redacción |
-
O PSOE ameaza con ir a Fiscalía porque o tenente de alcalde da Lama cobrou a dedicación exclusiva estando en México
Por Redacción |