Volta ao cole tranquila e sen incidencias en toda a provincia
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitaron este luns o Colexio Espedregada, en Raxó, con motivo do inicio do curso escolar que segundo confirmou o xefe territorial de Educación, César Pérez, en toda a provincia está a ser un retorno ás aulas tranquilo e sen incidencias.
En Pontevedra, preto de 117.000 alumnos desde a educación infantil ata o bacharelato iniciaron as clases durante o día de hoxe, dos cales preto de 1.750 corresponden ao municipio de Poio e que chegan ata os 20.700 sumando Pontevedra, Marín e Bueu.
En canto á repartición do alumnado polas distintas fases educativas, está a notarse un cambio de intereses nos últimos anos que leva ao alumnado para decantarse pola formación profesional en lugar do bacharelato.
Reguera fixo referencia durante a súa visita desta mañá ao "gran reto que supón este cambio de tendencia que responde ás novas demandas do mercado laboral que, cada vez máis, precisa de técnicos, de persoas que se dediquen aos oficios".
Agustín Reguera expresou o seu desexo de que a comunidade educativa teña un curso "o máis eficiente posible".
"Desde a Consellería de Educación fixeron os deberes este verán", engadiu Agustín Reguera en relación ás obras que executadas durante as vacacións "que están practicamente todas rematadas" o que permitiu, segundo o delegado territorial, que o curso comece con "normalidade".
O delegado territorial tamén destacou o compromiso da Xunta para axudar ás familias con fillos en idade escolar a facer fronte aos gastos propios do inicio do curso.
"Este ano, en Educación, o 70% das familias van ter axudas da Consellería" resaltou Agustín Reguera facendo tamén referencia o incremento de máis dun 12% na contía de achegas para comprar libros de texto e na ampliación en preto dun 40% os beneficiarios do bono para material escolar ata chegar aos 130.000 alumnos.
Unha "boa noticia" para as familias tendo en conta o contexto económico actual marcado pola subida de prezos. A Xunta reforzou este curso as medidas destinadas a apoiar ás familias, o que, segundo calculan, permitirá aforrar máis de 100 millóns de euros aos fogares galegos con fillos en idade escolar. Entre as iniciativas en marcha destacan a bonificación dos comedores escolares, a conxelación das taxas universitarias ou as axudas para libros de texto e material escolar.
Pola súa banda, Ángel Moldes sinalou que para o Concello de Poio era "importantísimo" que o arranque deste novo curso escolar se desenvolvese sen incidencias. Así, segundo lembrou o alcalde "nas últimas semanas estivemos a facer un seguimento" da execución dos distintos traballos de mantemento postos en marcha, "moitas delas en colaboración cos propios centros" polo que lles trasladou o seu agradecemento.
Ángel Moldes non deixou pasar a ocasión para "seguir solicitando investimentos para o noso concello" e tendeu a man á Xunta para poder acometer reformas nas infraestruturas educativas do municipio á vez que reiterou que "como administración responsable desa competencia imos seguir garantindo o mantemento dos centros".
Relacionadas:
-
Rueda anuncia un bono deportivo de 120 euros para axudar a familias con fillos federados de entre 6 e 16 anos
Por Redacción |
-
Escuma polos catro custados da Pedreira para festexar o inicio de curso
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
As aulas volven estar cheas no primeiro día do novo curso escolar
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novas actividades gratuítas para gozar durante o curso en Poio
Por Redacción |