As farmacias informarán sobre prevención e control do mosquito tigre
Por Redacción
A Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, iniciou unha campaña de información en farmacias sobre a prevención e o control do mosquito tigre.
A subdirectora xeral de programas de control de riscos ambientais para a Saúde, Inés Mato Naveira, acompañada pola xefa territorial de Sanidade de Pontevedra, Natalia Botana Rey, e polo vogal do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, José Antonio Fornos Pérez, visitou este mércores unha das farmacias que contan con carteis informativos e que colaborarán no traslado de posibles incrementos significativos de picaduras de insecto.
Con esta campaña, a Dirección Xeral de Saúde Pública salienta a relevancia da colaboración cidadá para o control deste vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika.
Trasládanse as recomendacións para non contribuír á proliferación do mosquito tigre, evitar a súa picadura e fomentar o uso da app Mosquito Alert, coa que se permite enviar fotografías de mosquitos detectados, posibles lugares de cría e mesmo picaduras de mosquito para que sexan validadas por expertos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), grazas ao convenio subscrito pola Xunta e as universidades de Santiago de Compostela e Vigo.
Ademais, despois da formación que Sanidade impartiu na delegación territorial da Xunta en Pontevedra para os Concellos da zona, a Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, ten previsto realizar unha formación específica dirixida a profesionais farmacéuticos comunitarios da provincia na que se teñen detectado exemplares de Aedes albopictus.
Na páxina web do departamento sanitario autonómico facilítase información detallada sobre o mosquito tigre e o programa de xestión integrada dispoñible para os Concellos.
Relacionadas:
-
Alerta da Xunta: evitar a auga estancada nas flores dos cemiterios para impedir a proliferación do mosquito tigre
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Confirman a presenza dun exemplar de mosquito tigre en Vilaboa
Por Redacción |
-
Ampliada a vixilancia do mosquito tigre a Bueu e Vilaboa
Por Oskar Viéitez |
-
Quen observe algún mosquito inusual este verán nas Rías Baixas, que saque unha foto e alerte os expertos
Por Redacción |