Ampliada a vixilancia do mosquito tigre a Bueu e Vilaboa
Por Oskar Viéitez
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade está a reforzar a vixilancia do vector nos concellos de Moaña, Vigo e Cangas. Esta vixilancia vaise ampliar de maneira preventiva aos concellos de Bueu e Vilaboa.
Trátase dunha especie coñecida por ser un potencial transmisor de enfermidades como os virus do dengue, o chikungunya ou o zika.
Este mosquito aedes albopictus, chamado comunmente 'mosquito tigre' é un insecto orixinario de Asia, pero que se estendeu a moitas partes do mundo. En Moaña foi detectado a principios de agosto grazas á colaboración dun veciño que deu o aviso e pasou a estudarse a alerta por parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores que certificou que era a primeira vez que se detectan os mosquitos tigres en Galicia.
O protocolo previsto no Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control leva a tomar medidas para previr o risco. Entre elas, a Xunta constituíu un comité de coordinación de carácter técnico para o que xa foron solicitados representantes aos departamentos autonómicos de Medio Ambiente, Medio Rural, Interior, a área sanitaria de Vigo e ao propio Concello de Moaña.
Para reforzar o coñecemento sobre a vixilancia e control do mosquito tigre por parte dos técnicos dos concellos implicados, a Escola Galega de Saúde Pública organizará o vindeiro xoves, día 31, unha formación específica na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, na que participarán expertos en sanidade ambiental, epidemioloxía e entomoloxía.
A próxima reunión do comité volverase a celebrar nun prazo de 15 días.
Relacionadas:
-
Alerta da Xunta: evitar a auga estancada nas flores dos cemiterios para impedir a proliferación do mosquito tigre
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Confirman a presenza dun exemplar de mosquito tigre en Vilaboa
Por Redacción |
-
As farmacias informarán sobre prevención e control do mosquito tigre
Por Redacción |
-
A cuberta do centro de saúde do Toural será impermeabilizada antes de final de ano
Por Redacción |