Alerta da Xunta: evitar a auga estancada nas flores dos cemiterios para impedir a proliferación do mosquito tigre
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A chegada do 1 de novembro, Día de Todos os Santos, con presenza de numerosas persoas nos cemiterios e coa instalación de recipientes con flores provocou que a Xunta de Galicia demande á cidadanía colaboración para reducir as posibilidades de reprodución do mosquito tigre, xa presente na provincia de Pontevedra.
Desde a administración autonómica recomendan que os recipientes para flores ou calquera outro obxecto ornamental non conteñan auga, que permita que o mosquito tecnicamente denominado Aedes albopictus deposite as súas larvas facilitando a expansión desta especie invasora que é un vector epidémico do virus de chikungunya, dengue e Zika.
A Xunta de Galicia recomenda, como solución máis eficaz, que se realicen buracos nos recipientes para facilitar a drenaxe. En caso de non ser posible esa opción, convidan a utilizar esponxas ou fibras absorbentes ao mesmo tempo que se enchen os recipientes de area, que eviten a cría do insecto.
A Consellería de Sanidade lembra que os cemiterios son espazos sinalados como lugares que deben ser vixiados polos Concellos nos que o mosquito tigre estea instalado. Na provincia de Pontevedra foi detectado en Vilaboa, Cangas, Moaña, Redondela e Vigo.
Expoñen que se espera que a baixada de temperaturas previsible nas próximas semanas axude a que desapareza o mosquito tigre durante os meses de inverno. En todo caso, a Dirección Xeral de Saúde Pública permanecerá atenta por se retorna na primavera.
Sanidade recomenda tamén descargar a aplicación Mosquito Alert para investigar e controlar a presenza desta especie. O primeiro caso detectado en Galicia producíase este verán en Moaña. En menos de 24 horas lográbase confirmar esta presenza grazas á coordinación entre ReGaVIVEC, Mosquito Alert e a Xunta, segundo recoñeceu o Consello Superior de Investigacións Científicas.
Relacionadas:
-
O vento e a choiva derruban árbores e valados nunha tarde cargada de incidencias en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Xa están listos os cemiterios municipais para recibir aos pontevedreses
Por Redacción |
-
Confirman a presenza dun exemplar de mosquito tigre en Vilaboa
Por Redacción |
-
As farmacias informarán sobre prevención e control do mosquito tigre
Por Redacción |
-
Ampliada a vixilancia do mosquito tigre a Bueu e Vilaboa
Por Oskar Viéitez |
-
Quen observe algún mosquito inusual este verán nas Rías Baixas, que saque unha foto e alerte os expertos
Por Redacción |