O vento e a choiva derruban árbores e valados nunha tarde cargada de incidencias en Pontevedra
Por Natalia Puga
O temporal de vento e choiva que chegou a Pontevedra na tarde deste mércores 1 de novembro deixou un regueiro de incidencias que obrigaron a intervir aos servizos de emerxencias municipais.
A Policía Local, os bombeiros, Protección Civil e os distintos servizos municipais están en alerta e ata as 20.00 horas rexistraran episodios derivados do temporal por toda a cidade e as parroquias do rural.
A intervención máis frecuente está relacionada coa caída de árbores. Por este motivo tiveron que actuar na estrada PO-310 ao carón de canceira de Campañó e tamén en Lusquiños, na parroquia de Tomeza. Neste último punto tamén caeu un poste de alumeado.
Ademais, tiveron constancia da caída de parte do valado dunha obra da rúa profesor Filgueira Valverde e tamén a rotura do arco da vella da praza de España.
Da mesma maneira, foi habitual o desprazamento de colectores e valados en distintas rúas como Manuel del Palacio, San Amaro ou Eduardo Pondal.
En toda Galicia, entre as 12 e as 18 horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 rexistrou 84 incidencias, unha cifra que se prevé que suba durante a noite porque permanecen activas alertas de nivel laranxa por vento en terra e laranxa e vermello por fenómenos meteorolóxicos adversos no mar.
As incidencias relacionadas coas vías de circulación foron as máis repetidas en Galicia, entre as que destacan as pólas e árbores (32), os cables da luz ou telefónicos (9) e os restos de accidentes e outros obstáculos (4).
Tamén se levaron a cabo múltiples intervencións dos servizos de emerxencias para evitar riscos maiores, cun total de 19 (entre as que se inclúen o apuntalamento de tellados ou a retirada temperá de vexetación).
Houbo tamén incidentes con material eléctrico (5) ou anegamentos en vivendas e garaxes (2).
En canto ás provincias, a que máis sufriu os efectos da meteoroloxía adversa é a da Coruña, na que se rexistraron 35 incidencias, seguida de Pontevedra (28), Lugo (13) e Ourense (7).
Relacionadas:
-
Satisfacción no Concello pola "rapidez e dilixencia" dos servizos municipais durante os sucesivos temporais
Por Natalia Puga |
-
A borrasca 'Ciarán' segue azoutando a Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A alerta por temporal concentra as visitas aos cemiterios nas primeiras horas do día
Por Redacción |
-
Alerta laranxa por temporal con ventos que poden chegar a 100 km/h en Pontevedra
Por Redacción |
-
Alerta da Xunta: evitar a auga estancada nas flores dos cemiterios para impedir a proliferación do mosquito tigre
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A borrasca Celine deixa múltiples incidencias
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada