Satisfacción no Concello pola "rapidez e dilixencia" dos servizos municipais durante os sucesivos temporais
Por Natalia Puga
Superados os días máis complicados da sucesión de borrascas e alertas por vento e choiva das últimas semanas, o Concello de Pontevedra fixo balance e mostra a súa satisfacción por "como a cidade aguantou e saíu dos temporais ben".
Son palabras da concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, que compareceu conxuntamente coa o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para analizar as "múltiples incidencias" rexistradas durante estas últimas semanas e felicitar os servizos municipais pola súa forma de actuar.
Ademais desta felicitación, o alcalde deu orde este luns a todos os servizos municipais para que fagan un "balance exhaustivo" que permita coñecer "en profundidade" todas as incidencias, os seus efectos e as necesidades de reparación. O obxectivo é poder realizar unha proposta de actuación que permita actuar en función da gravidade dos problemas expostos.
Unha vez que se elaboren eses informes, priorizarase aqueles que precisen unha actuación urxente. De momento, tanto o alcalde como a concelleira descoñecen por onde se empezará ese traballo posterior aos temporais.
De momento, aínda non se realizou esa priorización e non se tomaron decisións. Por este motivo, por exemplo, continúa pechado o paseo dos Gafos, que se tivo que pechar o sábado pola crecida do río e seguirá así mentres non se avalíen os danos e o seu alcance.
Na cidade quedan restos evidentes do paso dos temporais en forma de árbores caídas ou outro tipo de incidentes. Aos poucos, unha vez que teñan esa balance, iranse arranxando. Así, por exemplo, chama a atención a beirarrúa levantada pola caída dunha árbore na rúa Ramón Otero Pedrayo, á altura da estación de tren. De momento, non se sabe cando se reparará.
Desde a Alcaldía enviaron este luns unha carta aos servizos municipais e ás empresas concesionarias que que traballan co Concello nos distintos servizos para "agradecer o seu traballo", en especial o dos servizos de emerxencias, Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, pero, en xeral, de todos os servizos e brigadas.
Lores asegurou que "non se atenderon todas as incidencias inmediatamente, houbo priorización dos temas máis urxentes, pero atendéronse todas" e iso logrouse polo "compromiso" e a "rapidez e dilixencia" dos distintos servizos municipais.
Ademais, o alcalde destacou que na cidade houbo, sobre todo, "incidencias de menor entidade" e non houbo "cuestións de maior entidade" como as que si se rexistraron noutras partes de Galicia e móstrase convencido de que isto se debe tamén ao traballo realizado nos últimos anos en distintas zonas da cidade para eliminar puntos críticos que no pasado adoitaban rexistrar problemas graves.
Relacionadas:
-
A caída dunha árbore provoca un corte de tráfico na avenida de Bos Aires
Por Redacción |
-
"Non cobramos. Non porque o que facemos non teña valor senón porque non ten prezo"
Por Redacción |
-
Representantes sindicais dos Bombeiros de Pontevedra insisten na demanda de máis persoal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra, ante un dos outonos máis chuviosos dos últimos 40 anos
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- O paseo do Gafos, cortado pola crecida do río
Por Redacción |
-
A borrasca Domingos deixa un regueiro de pequenas incidencias na Boa Vila
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
A borrasca 'Ciarán' segue azoutando a Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O vento e a choiva derruban árbores e valados nunha tarde cargada de incidencias en Pontevedra
Por Natalia Puga |