A borrasca 'Ciarán' segue azoutando a Pontevedra
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Durante a noite sumáronse novas incidencias no municipio de Pontevedra.
Segundo informan desde a Policía Local, houbo caída de cristais desde un edificio á praza da Pedreira e pechouse a rúa Camiño de Ferro por caída de árbore.
Tamén caeu unha árbore na rúa Iglesias Vilarelle, outra sobre un coche aparcado no estacionamento de Renfe na rúa Otero Pedrayo e outra máis sobre un vehículo na rúa Escocia, Monte Porreiro.
E máis árbores e ramas en Casas Novas (Mourente), avenida de Vigo, Otero Pedrayo, Camiño de Ferro, Ponte Mageiros, Campañó (ao carón do colexio), praza de Arturo Souto, praza de Europa (afectou a 6 vehículos e tamén aos composteiros), rúa Bélxica (afectou a 2 vehículos), rúa Holanda (afectou a 1 vehículo), Escocia (afectou a 1 vehículo), Subida á cultural de Mourente, Outeiriño (Verducido), Maruja Mallo.
Rexistrouse unha caída de rolo de material de obra, posiblemente procedente dunha construción próxima, en Cobián Roffignac.
Na parroquia de Marcón informouse da caída de postes do servizo teléfonico no lugar da Cardosa, en tamén na Carballeira (Salcedo), na avenida de Montecelo. E no lugar de Pintos quedaron sen subministración eléctrica (no ámbito público e privado) durante boa parte da noite do mesmo xeito que sucedeu nas parroquias de Campañó, Verducido e Xeve.
Na avenida de Lugo, fronte ao supermercado Aldi, quedou un farol inclinado e outro caeu na Praza de Pasarón. Retiráronse cables da calzada en Vilaverde (Mourente) e na Praza de Pasarón.
Ademais esborrallouse o valado protector dunha estada na avenida de Vigo e voaron anacos de cuberta na rúa Joaquín Costa procedente dun patio de Santa Teresa de Jesús Jornet.
Houbo inundacións na rúa do Santo, en Estribela, polo que foi preciso pechar a rúa mentres se evacuaba a auga.
Unha incidencia moi repetida foi o desprazamento de colectores en diversas rúas polo vento ata unha marquesiña apareceu na metade da calzada no Salgueiral, Bora.
GALICIA
Entre o mediodía do día de onte o as 6 horas desta mañá, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia rexistrou 556 incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adverso que afectaba a toda a comunidade.
As máis frecuentes déronse nas estradas, onde os servizos de emerxencias interviñeron maioritariamente pola presenza de árbores e pólas (334), postes e cables nas vías de circulación (45), terra e pedras (41) ou carteis e sinais de tráfico desprazadas (24). Tamén cabe destacar, que se levaron a cabo diversas intervencións por parte dos servizos de emerxencia para evitar riscos, un total de 46.
Con todo, a provincia que máis sufriu os efectos da meteoroloxía adversa foi A Coruña, na que se rexistraron 245 incidencias, seguida de Pontevedra (183), Lugo (76) e, por último, Ourense (48).
Os concellos máis afectados na provincia da Coruña foron; A Coruña (15), Santiago (14) ou San Sadurniño (10). Os concellos de Pontevedra (18) ou Vigo (14) foron os máis afectados na provincia de Pontevedra. O mesmo ocorre con Lugo, onde destacan os concellos de Ribadeo (8) ou Vilalba (4) e, por último, os municipios de Ourense (3), Muíños (5) ou San Cibrao das Viñas (2) na provincia de Ourense.
Ao longo deste período, as vías de comunicación galegas rexistraron diversos accidentes ligados ás condicións climáticas adversas. As máis destacables tiveron que ver con árbores e pólas nas estradas. Moitas delas cortaron a circulación parcial ou completamente (sobre todo en vías secundarias, aínda que tamén afectaron a autoestradas, autovías e estradas xerais).
Máis aló das afeccións á circulación, a caída de árbores tamén provocou algúns accidentes nas estradas galegas. Por fortuna, ningún de gravidade: un particular informaba pasadas as 21:30 horas da noite do día de onte, dun accidente contra unha árbore na AC-445, á altura da parroquia de Redonda (Corcubión). Ás 4:45 horas, un camioneiro daba conta dun suceso similar en Rábade, na LU-111.
O vento foi o responsable dunha importante cantidade das incidencias rexistradas no 112 Galicia durante as últimas horas. Por poñer algún exemplo, derrubou parte da cuberta do tellado dun edificio da rúa de Joaquín Costa, en Pontevedra (23:22 horas) ou levantou o tellado da piscina municipal de Abegondo (20:16 horas).
Por outra banda, o 112 Galicia tamén tivo aviso durante a noite da inundación da estación de tren e dun restaurante próximo en Cambre, pasada a medianoite. Tamén, diferentes zonas e pobos sufriron cortes de electricidade, como O Viso (Redondela) ou a parroquia de Lema (Carballo).
Por último, engadimos o aviso dun particular que indicaba que a forza do temporal provocara a rotura de parte do rompeondas do peirao de Barallobre, en Fene. O aviso chegaba ás 23:30 horas, e o particular que informou alertaba de que podía haber perigo para as embarcacións. O GES de Mugardos achegouse a realizar comprobacións.
PECHE CASTELO DE SOUTOMAIOR
A Deputación de Pontevedra pechou os castelos de Soutomaior e Sobroso ao longo desta xornada por precaución debido a que o fenómeno meteorolóxico extremo ten xa ocasionado caídas de ramas de árbores de ámbolos dous recintos.
Para este xoves estaba previsto que o castelo de Soutomaior acollese unha visita de 35 alumnos do IES de Rodeira de Cangas, que foi xa cancelada por mor do vento e da chuvia. Para mañá o Castelo de Soutomaior acollerá a outro grupo de 36 escolares do CPR Labor de Vigo que, en principio, se mantén e valorará en función da evolución do fenómeno meteorolóxico.
Relacionadas:
-
Unha enchente de borrascas desbocadas marcaron o outono
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Satisfacción no Concello pola "rapidez e dilixencia" dos servizos municipais durante os sucesivos temporais
Por Natalia Puga |
-
O vento e a choiva derruban árbores e valados nunha tarde cargada de incidencias en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Chuvia, carpa e Calacús nunha noite máxica
Por Redacción |
-
Alerta laranxa por temporal con ventos que poden chegar a 100 km/h en Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha previsión que asusta: vén unha cicloxénese explosiva con forte vento
Por Oskar Viéitez |