"Non cobramos. Non porque o que facemos non teña valor senón porque non ten prezo"
Por Redacción
Voluntarios de Protección Civil chegados desde toda a provincia xuntáronse este sábado no auditorio de Cerdedo para participar nas Xornadas Provinciais de Protección Civil, nas que se puxo en valor o traballo que realizan todas estas agrupacións.
As xornadas estiveron presididas por representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e de varios concellos da provincia e serviron tamén de escaparate para expoñer os medios materiais cos que contan as agrupacións de Protección Civil na provincia.
O acto estivo presentado por José Ángel Faílde, secretario da agrupación de Protección Civil de Cangas, que destacou a solidariedade e ao compañerismo dos voluntarios, sinalando que "non cobramos, pero non porque o que facemos non teña valor senón porque non ten prezo”.
Javier Lois, presidente de Protección Civil en Cerdedo-Cotobade, agradeceu o esforzo que realizan os vountarios e, sobre todo as súas familias "que sufren moitas veces a nosa vocación de servizo e son os primeiros sacrificados".
Lois defendeu a idoneidade destas xornadas de convivencia "para compartir experiencias, fomentar o compañerismo e tamén de irmandamento entre as distintas agrupacións" e aproveitou para pedir ás administracións máis medios materiais para "traballar con solvencia e garantías".
Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, quixo destacar os 28 millóns de euros investidos nos últimos anos en vehículos, tendas de campaña e todo tipo de material de emerxencia para as agrupacións de Protección Civil.
"Sodes indispensables xunto á Policía e demais corpos e forzas de seguridade do Estado. Sabedes que tedes todo o noso respecto e admiración", subliñou Villanueva.
A última intervención foi a do alcalde, Jorge Cubela, que agradeceu tamén en nome da Deputación o compromiso dos voluntarios e augurou o inicio dunha nova etapa na relación coas agrupacións "baseada no respecto, na admiración e no apoio e visibilidade do traballo que realizan".