Xa están listos os cemiterios municipais para recibir aos pontevedreses
Por Redacción
O Concello de Pontevedra ten en marcha toda a campaña vencellada ao día 1 de novembro, Día de todos os Santos, data na que multitude de persoas se achegarán aos cemiterios municipais.
A concelleira Anabel Gulías, responsable de Cemiterios e Mercados, ordenou semanas atrás realizar os labores de mantemento en todos os cemiterios municipais (San Amaro, Bora, Campañó, Lourizán e Ponte Sampaio) e activou a convocatoria do mercadiño de flores instalado dende este luns na praza da Ferraría até este martes.
Ademais, en coordinación coa Policía Local tamén está elaborado o habitual plan de mobilidade para os cemiterios de San Amaro e Lérez; e co departamento de xestión de residuos programáronse limpezas extraordinarias nos camposantos (sexan municipais ou non) así como o incremento de colectores e de retiradas xa que nestas datas aumentan os residuos dos camposantos.
A concelleira acordou a apertura dos cemiterios municipais o día 1 de novembro de 09.00 a 22.00 horas en horario ininterrompido, para que todos os visitantes que se queiran achegar a honrar aos seus seres queridos poidan organizarse tendo un horario flexible e amplo.
Ante esta sinalada data, a brigada de cemiterios do Concello redobrou esforzos e leva semanas realizando arranxos nos camposantos municipais para telos en moi boas condicións para recibir aos visitantes. Foron limpezas xerais, traballos de xardinería, pequenas obras de reparación e sostemento do mobiliario como fontes ou bancos. A concelleira Anabel Gulías agradeceu a entrega, dedicación e sensibilidade da brigada de cemiterios ante esta data tan importante para os veciños e veciñas de Pontevedra.
Os cemiterios municipais sométense a arranxos periódicos. Neste último ano os labores máis destacados foron a poda ou tala dalgunhas árbores de gran porte e a substitución das fontes en San Amaro; a limpeza e arranxo dos muros exteriores e a instalación de bancos novos en Bora; e a limpeza e pintado do muro da parte nova do cemiterio de Ponte Sampaio. Os outros cemiterios municipais xa foron obxecto de arranxos en anos anteriores.
MOBILIDADE O DÍA 1 DE NOVEMBRO EN SAN AMARO E LÉREZ
Ademais, en colaboración coa Policía Local o departamento de Cemiterios tamén pon en marcha o tradicional plan de mobilidade na contorna de San Amaro, e tamén no camposanto parroquial de Lérez. Está previsto para a xornada de hoxe e tamén a do día 1. No caso de ser necesario poderíase ampliar até o 2 de novembro.
En San Amaro, a circulación será de sentido único na rúa Camposanto cara Pintor Laxeiro, e no cemiterio de Lérez, a circulación será de sentido único: cemiterio - Outeiro - PO223.
Paralelamente á campaña do 1 de novembro, a concelleira Anabel Guías xa traballa na redacción dos pregos que rexerá unha nova convocatoria de concesións de nichos nos cemiterios de San Amaro (208 nichos),
Lourizán (40) e Ponte Sampaio (68). A concelleira confía en que poidan ofrecerse aos veciños e veciñas antes do final de ano.
Relacionadas:
-
Buscas nicho nun cemiterio? En San Amaro, Lourizán e Ponte Sampaio hai 300 dispoñibles
Por Redacción |
-
Alerta da Xunta: evitar a auga estancada nas flores dos cemiterios para impedir a proliferación do mosquito tigre
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O PP solicita o "acondicionamento integral" de todos os cemiterios municipais
Por Redacción |