Xulgan un acusado de recoller co seu coche unha muller bébeda en Sanxenxo, levala á súa casa e violala
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 21 de setembro un home acusado dun delito de abuso sexual por violar a unha moza á que atopou na rúa bebida e sen poder sosterse en pé.
A Fiscalía pide á Audiencia que condene ao acusado a seis anos de prisión e outros 10 anos de liberdade vixiada, ademais de impoñerlle a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da vítima, o seu domicilio, lugar de estudos ou calquera lugar no que esta se atope e de comunicarse con ela durante sete anos.
En concepto de responsabilidade civil, pide que teña que indemnizar á súa victima con 3.000 euros polos danos e prexuízos sufridos.
Os feitos polos que será xulgado ocorreron o 29 de agosto de 2021. Segundo sostén a Fiscalía, o acusado atopouse coa súa vítima sobre as 3:00 horas da madrugada na rúa Madrid de Sanxenxo.
O acusado ía en coche e parouno ao ver á vítima, que non podía sosterse de pé como consecuencia dunha previa inxesta de bebidas alcohólicas. Levouna no seu vehículo ao domicilio dela e, segundo o fiscal, "con ánimo libidinoso introduciulle o pene na vaxina sen o seu consentimento".
Neste jucio, a Fiscalía pide á Audiencia que aplique ao acusado un tipo penal previo á actual lei de garantía integral da liberdade sexual, a coñecida como lei do só si é si. Así, considera que o delito de abuso sexual previsto na lei previa, de 2010, é "máis favorable ao reo" que a nova lei.