Denuncian que Pontevedra é a única cidade galega sen convenio municipal para un servizo de intérpretes de lingua de signos nas xestións cotiás
Por Cristina Saiz & Natalia Puga
Pontevedra acolleu este sábado o acto central da conmemoración en Galicia do Día Internacional das Persoas Xordas, unha marcha reivindicativa que reuniu por centos de persoas de toda Galicia para facer visibles as demandas do colectivo.
A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) organizou a xornada en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra (APXP) e elixiu Pontevedra porque é a única das urbes galegas que non conta cun convenio entre o consistorio e a asociación local para financiar un servizo de Intérpretes de Lingua de Signos Española que acompañen ás persoas xordas en xestións da súa vida diaria.
Así, a FAXPG sinala que no resto de cidades galegas hai acordos de colaboración entre as administracións locais e as asociacións de persoas xordas para financiar este tipo de servizos básicos, pero actualmente en Pontevedra están a cubrirse a través da Federación.
A Federación aproveitou o acto deste sábado para facer un chamamento ao Concello de Pontevedra para que dun paso á fronte e sexa corresponsable no mantemento deste servizo imprescindible para as súas veciñas e veciños xordos. "Falamos por exemplo de acudir a unha cita médica ou a unha xestión administrativa. Sen Intérpretes de LSE, a comunicación é imposible", explican desde a FAXPG.
A conmemoración comexou cunha marcha reivindicativa entre a Alameda e a Peregrina e un acto institucional coa presenza de representantes de todas as administracións públicas.
Así, acudiu a concelleira de Benestar Social do Concello, Anabel Gulías; a deputada de Igualdade e Benestar Social da Deputación, María Sandra Bastos o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; e a directora xeral de Persoas con Discapacidade do Goberno galego, Begoña Abeijón.
O acto incluíu actuacións culturais en lingua de signos e serviu tamén para celebrar a aprobación dun regulamento estatal específico que recoñece a identidade lingüística da comunidade xorda que utiliza a lingua de signos española e "establece as obrigacións necesarias para que as persoas xordas podamos elixir, sen imposicións de ningún tipo, que lingua queremos utilizar".