A Xerencia da área sanitaria nega con rotundidade a alerta da CIG de "intentos de privatización" dalgúns servizos en Montecelo
Por Oskar Viéitez
A central sindical CIG-Saúde vén de denunciar a situación na que se atopan os servizos de cociña, lavandería e mantemento do Hospital Montecelo e os "intentos de privatización" por parte do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Aseguran que "non só están en risco estes servizos, o resto do persoal que en dirección consideran non sanitario pode sufrir estas mesmas consecuencias". Ademáis de "poñer en alerta" á cidadanía anuncian "accións de protesta para darlle a vola a esta situación".
O xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Flores, saiu ao paso desta denuncia de CIG-Saúde e manifestou que "rotundamente é un non. Non existe ningún tipo de intención por parte do Goberno da Xunta nin por suposto hai nada que ocultar".
O sindicato nacionalista explica que "xa saltaron as alertas" nas oposicións ordinarias de cociña, lavandería e mantemento do ano 2020, nas que se sacaron "moi poucas prazas para Pontevedra habendo moito persoal contratado nesas categorías", mentres a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra "afirmaba que o problema arranxaríase nos procesos de estabilización do ano 2022".
A CIG Saúde detectou que "neses procesos non só non se sacaron as prazas necesarias para o servizo de cociña, lavandería e mantemento senón que se amortizaron prazas"; isto supuxo, segundo o sindicato, que no servizo de cociña se estean a dar contratos temporais mentres as persoas que colleron praza nos procesos selectivos teñen que ir a hospitais doutras áreas deixando o servizo precarizado e sen case persoal fixo.
A CIG ten claro que "detrás desta estratexia hai un novo intento por privatizar a cociña, a lavandería e mantemento do hospital coincidindo coa posta en marcha do novo Gran Montecelo".
De feito, engaden, que nunha reunión coa nova directora de Recursos Humanos da Área de Pontevedra Luísa Sánchez Méndez "afirmou que se poderían externalizar servizos que ela considera non sanitarios". No referido a tentar que persoas fixas ocupen prazas nestes servizos, "ela negouse a valoralo e a facer ningún tipo de esforzo para solucionar a situación".
A Confederación Intersindical Galega informou que dende a semana pasada tentaron tratar a situación co Xerente da Área Sanitaria de Pontevedra, "mais foi imposible". Dende o sindicato consideran que "hai unha actitude consciente e deliberada da Xerencia de dar a calada por resposta mentres continúan os pasos cara a privatización destes servizos, pola vía da precariedade do persoal, sen a cobertura de prazas necesarias, para despois argumentar que os servizos funcionan mal e darlle a concesión a unha empresa amiga".
Pola contra, José Flores informou que "o día 19 de setembro estiveron reunidos no meu despacho os representantes da CIG conmigo precisamente en relación a estas dúbidas que parece que tiñan e que xurdiran dunha reunión previa na que eu non estivera".
Naquela reunión, continúa o xerente, "desmentinlle en todo momento que eso non era así, que eu non era coñecedor deso" e comrpometeuse a informarlles "se existía un cambio de rumbo" neste senso "que non é o caso", insistiu Flores Arias.
"Non existe ningún tipo de intencionalidade de facer ningún tipo de privatización dos servizos que actualmente son públicos de cara a ese novo hospital público que dará servizo en pouco tempo a todos os pontevedreses", sentenciou o xerente da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés.
Relacionadas:
-
O xerente da área reunirase coa mesa local de Sanidade de Poio
Por Redacción |
-
O Plan galego de eliminación da Hepatite-C é un "referente mundial"
Por Redacción |
-
A plataforma LOITA consegue o compromiso de que no Provincial se revisarán os protocolos nas cesáreas
Por María José Pita |
-
As enfermeiras protestan diante do Hospital Provincial en demanda de melloras laborais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |