A plataforma LOITA consegue o compromiso de que no Provincial se revisarán os protocolos nas cesáreas
Por María José Pita
Unha revisión dos protocolos para ter un criterio único que garanta o pel con pel e o acompañamento nos partos con cesárea, sempre que non haxa complicacións con risco para os menores e as nais.
Este é o compromiso que as integrantes da plataforma LOITA conseguiron dende a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés durante a reunión mantida este mércores 27 de setembro no Hospital Montecelo. Por parte do equipo directivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) acudiron o doutor Jorge García Borregón, subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía; Natalia Alonso, supervisora do equipo de matronas; e Alfonso Frieiro, fisioterapeuta supervisor da Unidade de Rehabilitación.
As integrantes de LOITA (Plataforma cidadá para loitar polos dereitos dos nenos, nenas, nais e adolescentes) levaban a este encontro unha ampla lista de demandas en resposta aos incumprimentos que veñen detectando a través de denuncias de numerosas nais e pais polas prácticas no Hospital Provincial de Pontevedra durante os partos con césarea e nas sesións de fisioterapia no servizo de Atención Temperá.
"Por testemuños e reclamacións de familias que recibiu a plataforma LOITA, e por experiencias propias, baseándonos no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, vimos esixir que se cumpra a lei". Este era o encabezamento do documento que levaron á reunión, no que se contiña unha lista de reclamacións.
Cada un destes puntos estaba respaldado polo seu correspondente artigo no mencionado decreto de 2013. En total, elevaron dez peticións ante a autoridade sanitaria en relación aos incumprimentos que detectaron en Atención Temperá, servizo que atende a menores de cero a 6 anos. "Comentáronnos que dende Atención Temperá queren mellorar o servizo e que van facer unha reforma no lugar onde se realiza a atención", indica Tamara Campos, a voceira da plataforma LOITA. "Pero nós o que queremos é que non só se mellore o espazo físico, o que pretendemos é que tamén se dea unha atención de calidade aos usuarios, aos nenos e nenas. Isto implica, por exemplo, que nos dean sempre por escrito os criterios clínicos que utilizan os profesionais".
Dende a xerencia comprometéronse a que a partir de agora eses criterios serán entregados por escrito aos pais ou titores dos menores. En cambio, na petición de que os profesionais deste servizo tivesen contratos de longa duración e unha formación específica en atención a nenos, dende o CHOP admitiron que iso "escapaba ao seu control", apuntan fontes de LOITA.
PARTOS RESPECTADOS
Outro dos eixos desta plataforma son os partos, tras detectar que nos nacementos por cesárea ou no caso dos xemelares no Hospital Provincial o parto respectado non era o habitual, contravindo as recomendacións sanitarias de organismos de referencia, como a OMS, o Ministerio de Sanidade ou as Guías Técnicas do SERGAS.
Dende LOITA aseguran que "non pedimos nada novo, non pedimos nada que non se poida facer, xa que algúns profesionais xa o están facendo".
A plataforma lembra que o pasado mes de xullo, tras unha primeira reunión co xerente Flores, acordárase que se ían poñer os medios para garantir os nacementos por cesárea respectados. E así o celebraban apenas uns días despois cando Ruth Abonjo, unha das impulsoras destas demandas, "estivo acompañada e despois en REA puido facer o pel con pel co pai presente, en resumo, tivo unha atención de calidade", insiste la plataforma
Porén, pasada a ledicia inicial "segundo as últimas testemuñas que chegan de nais que están dando a luz no Hospital Provincial, estanse atopando con que todo o que pasa dentro da sala de partos é unha lotería", en referencia a que, na actualidade estase a incumprir o plan de parto que previamente asinaran.
Por parte da subdirección de Humanización, explican dende LOITA, "están completamente de acordo en que hai que facer unha actualización de protocolos, e están a favor tanto do pel con pel como no acompañamento cando o permita a situación, se non é unha cesárea de urxencia con complicacións". Pero admitiron que "este verán algún profesionais non se sentían cómodos con estes novos protocolos e non querían cumprilos".
Para solucionar esta incoherencia, deste encontro a plataforma LOITA saíu co compromiso de que se "van a intentar revisar e facer un criterio único para poder garantir o pel con pel e o acompañamento".
Relacionadas:
-
Convocan unha xuntanza en Monte Porreiro para reclamar máis pediatras en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Plataforma Loita mantén un encontro con Lores para expoñer a situación dos nacementos por cesárea e a atención temperá no Provincial
Por Anxo Lourido |
-
O Parlamento galego instará á Xunta a establecer un protocolo único nos partos con cesárea
Por María José Pita |
-
O xerente da área reunirase coa mesa local de Sanidade de Poio
Por Redacción |
-
A Xerencia da área sanitaria nega con rotundidade a alerta da CIG de "intentos de privatización" dalgúns servizos en Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
As "demandas totalmente asumibles" da plataforma Loita obteñen o apoio de Soutomaior
Por Redacción |
-
'Loita' busca apoios nas alcaldías para que os partos respectados no Hospital Provincial deixen de ser "unha lotería"
Por María José Pita |
-
Ruth Abonjo logra ter un "parto xemelar respectado" no Hospital Provincial tras unha longa loita
Por María José Pita |
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?", a denuncia de tres nais fronte ao sistema
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Nace unha plataforma cidadá para que ningún menor estea só durante os tratamentos médicos
Por María José Pita & Mónica Patxot |