'Loita' busca apoios nas alcaldías para que os partos respectados no Hospital Provincial deixen de ser "unha lotería"
Por María José Pita
Representantes da Plataforma Loita (Plataforma cidadá para loitar polos dereitos dos nenos, nenas, nais e adolescentes) reuníanse este xoves 21 co alcalde de Vilaboa, César Poza, para recabar o seu apoio nas súas demandas.
Este colectivo reclama que se cumpran os protocolos que sinalan que os partos teñen que ser respectados nos hospitais galegos. En concreto, estanse a mobilizar para que no caso das cesáreas a nai poida estar acompañada da súa parella, facer o "pel con pel" co recén nado e que non sexan separados durante o tempo que teña que permanecer na unidade de reanimación (REA). Esta é unha práctica que, aseguran, está implantada en España dende 2009 pero que na mayoría dos hospitais galegos non se está a realizar.
O pasado 20 de xullo, PontevedraViva publicaba a primeira vitoria da Plataforma Loita cando unha das súas integrantes se convertía na primeira nai que vía respectado o seu parto xemelar no Hospital Provincial de Pontevedra, coa tranquilidade de que todo o plan de parto que previamente asinara se estaba a cumprir. O que semellaba un gran paso transformouse en pouco tempo nunha gran decepción.
"Onte saíu en prensa o cambio de protocolo no Hospital Clínico de Santiago co primeiro acompañamento unha cesárea programada. Iso mesmo dixeron en Pontevedra e é mentira. No Hospital Provincial (o acompañamento no parto con cesárea) é unha lotería, e depende do profesional que estea déixanche pasar ou non", lamenta Tamara Campos, a voceira da plataforma.
Esta reunión no consistorio de Vilaboa é a primeira dunha serie de encontros que manterán cos rexedores dos concellos da contorna de Pontevedra, a localidade onde xurdiu esta plataforma cidadá. As próximas serán o mércores 27 de setembro co alcalde de Poio e o venres 29 co de Soutomaior.
"O que queremos é informarlles do que está a pasar no Hospital Provincial, xa que iso lles afecta aos seus veciños e veciñas e a todas as mulleres que viven no seu municipio, porque non esquezamos que un de cada catro partos vai ser por cesárea", apunta Tamara Campos. Nestes encontros explican os incumprimentos que se están a producir nos partos para que "nos axuden a difundir a mensaxe da nosa plataforma para chegar a cantas máis persoas mellor".
Tamén para o mércores 27 veñen de ser citadas a unha nova reunión no Hospital Provincial de Pontevedra coa xerencia. Quédalles pendente un encontro co delegado territorial da Xunta en Pontevedra que, se ben nun primeiro contacto mostrouse moi receptivo e fixou unha data para reunirse (este xoves 21 de setembro), finalmente suspendeuna sen, de momento, fixar un novo día.
Relacionadas:
-
Convocan unha xuntanza en Monte Porreiro para reclamar máis pediatras en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Plataforma Loita mantén un encontro con Lores para expoñer a situación dos nacementos por cesárea e a atención temperá no Provincial
Por Anxo Lourido |
-
O Parlamento galego instará á Xunta a establecer un protocolo único nos partos con cesárea
Por María José Pita |
-
As "demandas totalmente asumibles" da plataforma Loita obteñen o apoio de Soutomaior
Por Redacción |
-
A plataforma LOITA consegue o compromiso de que no Provincial se revisarán os protocolos nas cesáreas
Por María José Pita |
-
"Enfermeiras, a por todas" convoca unha protesta diante do Hospital Provincial
Por Redacción |
-
Ruth Abonjo logra ter un "parto xemelar respectado" no Hospital Provincial tras unha longa loita
Por María José Pita |
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?", a denuncia de tres nais fronte ao sistema
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Nace unha plataforma cidadá para que ningún menor estea só durante os tratamentos médicos
Por María José Pita & Mónica Patxot |