O Parlamento galego instará á Xunta a establecer un protocolo único nos partos con cesárea
Por María José Pita
Este xoves 5 de outubro, o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade a proposición non de lei para instar á Xunta a que estableza en todas as áreas sanitarias un protocolo único de atención aos nacementos por cesárea, co fin de permitir o acompañamento e a humanización dos partos.
O procedemento foi impulsado polo Grupo Parlamentario Popular de Galicia e votado a favor polos 12 deputados e deputadas presentes na Comisión de Sanidade. O texto aprobado é o seguinte: "O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaborar unha guía que homoxeneice en todas as áreas sanitarias o protocolo de atención aos nacementos por cesárea para permitir o acompañamento no parto da persoa que a nai decida e para posibilitar o contacto pel con pel continuado co recén nado. Esta medida será posta en práctica en todos os hospitais do Sergas no actual período de sesións".
Esta é unha demanda que a plataforma LOITA (Plataforma cidadá para loitar polos dereitos dos nenos, nenas, nais e adolescentes) reclama e está trasladando ás diversas reunións que mantivo coa xerencia das diferentes áreas sanitarias, así como con representantes políticos. A súa voceira, a pontevedresa Tamara Campos, expresa a satisfacción do colectivo, no que a representación de nais é maioritaria, ante esta nova. Con todo, a partir das dramáticas experiencias nos paritorios que veñen vivindo estas nais e ás que a plataforma está a dar voz, non pode ocultar a súa cautela.
"Aínda que nós estamos moi contentas de que se aprobe no Parlamento por unanimidade o acompañamento nos nacementos por cesárea e posterior pel con pel, non nos esquezamos de que o importante é que as leis se cumpran", sinala en referencia a que, na recente reunión mantida no Hospital Montecelo de Pontevedra, puideron ter a confirmación de que "hai profesionais que se negan a cumprir estes protocolos porque non se senten cómodos ou cómodas cos mesmos", un aspecto que moitas integrantes de LOITA puideron comprobar en primeira persoa.
BUSCANDO APOIOS
As demandas da plataforma LOITA van máis aló dos partos con cesárea. Outra das súas reclamacións é que esta humanización tamén acade os tratamentos no servizo de Atención Temperá, que abrangue os menores de cero a seis anos. Tamara Campos lembra que en Galicia existe unha Lei de Atención Temperá, "que está marabillosa feita, pero despois atopámonos que non se está cumprindo, co cal ese é o problema".
A xornada deste venres 6 de outubro iniciábana cun encontro co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, no Edificio Administrativo da Xunta en Campolongo.
Nesta cita falaron da iniciativa presentada no Parlamento para unificar os protocolos das cesáreas que se practican en Galicia. Reguera "indicoulles que a Xunta de Galicia xa se atopa estudando esta posibilidade e que queda agora escoitar os criterios dos médicos e dos especialistas", segundo informaba a Delegación Territorial en nota de prensa.
Dende a plataforma engaden que o delegado da Xunta "tamén se mostrou moi sensible co tema da atención ao menores". O colectivo agradece esta boa receptividade pero insiste en que o que precisan os menores e as familias é "que se cumpra a Lei de Atención Temperá", e así llo trasladaron na reunión.
No mesmo día, integrantes de LOITA continuaron coas entrevistas con alcaldes da comarca de Pontevedra, neste caso co rexedor de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, quen tamén "estivo moi de acordo coas nosas reivindicacións e mostrouse moi empático", sinalaba Tamara Campos.
Relacionadas:
-
A Plataforma Loita mantén un encontro con Lores para expoñer a situación dos nacementos por cesárea e a atención temperá no Provincial
Por Anxo Lourido |
-
O luns haberá obradoiros na rúa para aprender a facer unha reanimación cardiopulmonar
Por Redacción |
-
As "demandas totalmente asumibles" da plataforma Loita obteñen o apoio de Soutomaior
Por Redacción |
-
A plataforma LOITA consegue o compromiso de que no Provincial se revisarán os protocolos nas cesáreas
Por María José Pita |
-
'Loita' busca apoios nas alcaldías para que os partos respectados no Hospital Provincial deixen de ser "unha lotería"
Por María José Pita |
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |