Ruth Abonjo logra ter un "parto xemelar respectado" no Hospital Provincial tras unha longa loita
Por María José Pita
O pasado 10 de xuño, PontevedraViva publicaba un correo enviado por Ruth Abonjo a este medio baixo o título "Parto en el Hospital Provincial de embarazo gemelar con menos derechos". Neste escrito, denunciaba a situación de desamparo na que se atopaba ao enterarse de que no Hospital Provincial de Pontevedra, o seu centro de referencia, non lle ían permitir estar acompañada pola súa parella ou facer o pel con pel cos seus pequenos. Esta nai de Sanxenxo tivera o seu primeiro fillo en Xetafe (Madrid) e, malia practicárselle unha cesárea, en todo momento se lle respectou o seu plan de parto. Non entendía que ocorría para que en Pontevedra a praxis fose tan distinta.
A partir da publicación do seu caso, a Plataforma Loita (Plataforma cidadá para loitar polos dereitos dos nenos, nenas, nais e adolescentes) e Ruth contactaron para sumar o seu caso ás moitas reclamacións que lles estaban a chegar de mulleres embarazadas que clamaban: "Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?". Esta frase deu pé a unha reportaxe publicada o 18 de xuño en PontevedraViva, recollendo o caso de tres xestantes: Ruth Abonjo, Laura Mallón e Paloma Oliveira.
Nesa ocasión, Ruth Abonjo declaraba que "eu sei que para min non vai chegar a tempo pero quero crear este precedente para que non lle ocorra a ningunha outra nai". Calculaba que en menos dun mes daría a luz.
Antes do día do parto, ocorrido na madrugada deste martes 18 de xullo, tivo a oportunidade, xunto a compañeiras da Plataforma Loita, de reunirse co xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores. Un encontro que, sumado á presión das moitas persoas que se adheriron a Loita, deu os seus froitos.
A boa nova é que no parto xemelar de Ruth Abonjo no Hospital Provincial de Pontevedra respectouse o documento do Plan de Parto que toda xestante cubre e asina e, deste xeito, tal e como informa a Plataforma Loita nun comunicado, conseguiuse "o primeiro parto xemelar respectado no Hospital Provincial". No parto, que se produciu mediante cesárea, puido estar acompañada da súa parella e facer o pel con pel cos seus bebés.
Esta circunstancia xa vén de crear precedente, pois proximamente a Plataforma Loita dirixirase ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para que tamén alí todos os partos sexan respectados, tanto xemelares como por cesárea. Con este exemplo, demostran que cambiar os protocolos si é posible.
RUTH ABONJO E A PLATAFORMA LOITA CONSEGUEN O PRIMEIRO PARTO XEMELAR RESPECTADO NO HOSPITAL PROVINCIAL A madrugada deste martes Ruth Abonjo e os seus bebés fixeron historia no Hospital Provincial de Pontevedra, Ruth converteuse na primeira muller de Pontevedra que embarazada de xemelgos deu a luz en compañía da súa parella, e non só iso, permitíronlle tamén facer o pel con pel cos seus bebés en REA, xa que o parto rematou en cesárea, baixo a atenta mirada de tres experimentadas matronas, ás que toda a familia estará eternamente agradecida. A elas, ás xinecologas que velaron pola saúde da nai e dos bebés en todo momento, e ós anestesistas que permitieron que o pai entrase tamén na REA. Xuntouse un equipo de 10 para realizar algo que nunca antes se vira neste Hospital. A plataforma Loita contactou con Ruth cando mediante a prensa coñeceu a súa historia, esta plataforma tiña pendente unha reunión con José Flores, o xerente da área sanitaria, e nesa reunión pediron que se respetase o dereito dos menores a estar acompañados nas sesión de fisioterapia, tamén expuxeron o caso de Ruth e a necesidade urxente de cambiar os protocolos dos partos. O xerente da área sanitaria mostrouse en todo momento moi empático e de palabra garantizou que os protocolos cambiarían, pero era necesario que moitos profesionais se puxesen dacordo, en un tempo récord das palabras pasamos ós feitos e Ruth puido ter un parto respetado. Grazas ó esforzo das nais de LOITA estanse cambiando moitas cousas, pero todavía quedan outras moi urxentes que se exporán na próxima reunión con xerencia, como as altas anticipadas e reducción de terapias en atención temprana, a non sustitución da pediatra de Barro-Monteporreiro que atendía no Centro de saúde de Lérez, os cambios continuos de profesionais en logopedia, a humanización da UCI de neonatos ou a atención ás nais no postparto. O caso de Ruth pretende non só cambiar a historia da sanidade en Pontevedra, a Plataforma Loita pediu xa unha reunión coa xerencia da Área sanitaria de Vigo, nesta reunión, á que acudirán tamén as Asociacións Rede Cría e Teta e Coliño acompañarán a Laura, unha nai viguesa embarazada de xemelgos, que ve no caso de Ruth un raio de esperanza, xa que case seguro terá que dar a luz por cesárea e ser separada dos seus bebés durante varias horas, algo que está totalmente contraindicado no caso de que se atopen en bo estado de saúde. Aínda queda moita LOITA, así que toda persoa que queira apoiar esta iniciativa pode unirse ó grupo de Facebook no que se recollen tanto artigos sobre acompañamento de menores como modelos de reclamación.
Relacionadas:
-
As "demandas totalmente asumibles" da plataforma Loita obteñen o apoio de Soutomaior
Por Redacción |
-
A plataforma LOITA consegue o compromiso de que no Provincial se revisarán os protocolos nas cesáreas
Por María José Pita |
-
'Loita' busca apoios nas alcaldías para que os partos respectados no Hospital Provincial deixen de ser "unha lotería"
Por María José Pita |
-
A Plataforma Loita convoca unha xuntanza con familias que viron vulnerados os dereitos dos seus fillos polo Sergas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Para que nos serve un plan de parto que non se vai respectar?", a denuncia de tres nais fronte ao sistema
Por Mónica Patxot & María José Pita |