O GDR Pontevedra-Morrazo concede axudas para once proxectos
Por Oskar Viéitez
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo acaba de resolver as axudas da convocatoria de fondos Leader 2023-24, na que se aprobaron un total de once propostas.
Entre os diferentes proxectos subvencionados atópase a creación de aloxamento turístico en Gaxate, unha empresa de turismo activo, a ampliación dunha clínica odontolóxica no Toural, xacobleas de chocolate, ampliación dun centro de estética avanzada en Bueu, a construción dunha nave industrial, a mecanización dun centro forestal ou un taller de confección de calcetería.
As axudas serán emitidas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e os proxectos aprobados supoñen un investimento que ascende a 1.838.837 euros e axudas públicas que ascenden a 583.580 euros.
Desde a xerencia do GDR subliñan que estas liñas de axuda contribuirán á consolidación do emprego e á creación de 46 postos de traballo.
O diñeiro destas subvencións procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), que achega o 75% das axudas públicas; Agader, co 22,5%; e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cun 2,5%.
ITINERARIO TURÍSTICO
Por outra banda, o GDR esta a desenvolver un itinerario enoturístico e cultural baseado nunha realidade histórica, antropolóxica e económica que xira arredor da nosa tradición vitivinícola. Unha ruta inspirada nos principios definitorios marcados pola UNESCO para os Itinerarios Culturais e que une os diferentes concellos e comarcas cuxa arraigada tradición cultural tivo como protagonista os viños e as castes da IXP Ribeiras do Morrazo.
O viño foi un dos recursos económicos endóxenos con máis potencialidade para estas comarcas. Por iso a "Ruta dos viños Oceánicos" que o GDR está a desenvolver, xira en torno a tradición vitivinícola das terras da IXP Ribeiras do Morrazo, o forte carácter atlántico, e o patrimonio material e inmaterial, a gastronomía e a cultura. E percorre os principais atractivos dos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela.