O local dos Campos acolle unha mostra sobre a Ruta dos Viños Oceánicos
Por Oskar Viéitez
Este mércores no local dos Campos na parroquia de Mourente, sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo, inaugurouse a exposición A ruta dos viños oceánicos.
Trátase dun itinerario enoturístico e cultural da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo, que ten como fío condutor a cultura do viño a través dos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela.
O GDR esta a desenvolver un itinerario enoturístico e cultural baseado nunha realidade histórica, antropolóxica e económica que xira arredor da nosa tradición vitivinícola. Unha ruta inspirada nos principios definitorios marcados pola UNESCO para os itinerarios culturais e que une os diferentes concellos e comarcas cuxa arraigada tradición cultural tivo como protagonista os viños e as castes da IXP Ribeiras do Morrazo.
A través da exposición desta ruta, preténdese a divulgación e promoción da Ruta dos Viños Oceánicos e desenvolver e dar a coñecer este itinerario enoturístico, poñendo en valor diferentes aspectos históricos, arqueolóxicos, xeográficos, etnográficos, patrimoniais, culturais, simbólicos, artísticos, científicos, agrarios e turísticos da cultura do viño das terras da IXP Ribeiras do Morrazo.
Ao acto de inauguración asistiron os alcaldes, alcaldesas e demais representantes dos concellos do territorio, as adegas da IXP e numerosas persoas ligadas ao mundo do viño e do turismo.
Na xornada, ademais de dar a coñecer os valores da ruta, púidose desfrutar da actuación musical de Xabier Blanco e dos viños de Ribeiras do Morrazo.
Entre o 27 de outubro e 24 de novembro celebraranse 4 eventos temáticos, cunha mesa redonda ou faladoiro, una peza musical relacionada co tema do coloquio e catas comentadas para probar e coñecer mellor os viños de Ribeiras do Morrazo.