Alejandra Garrido recada fondos para a AECC por sexto ano consecutivo coas súas galletas: "Sácase tempo de onde sexa"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Alejandra Garrido é a profesora pontevedresa que, desde hai seis anos, chegadas estas datas dedica moitas horas da súa vida a elaborar galletas cunha finalidade solidaria, obter fondos para a Asociación Española contra o Cancro (AECC).
"Dedícolle todo o tempo libre do que dispoño. Como mínimo unha hora cada día e despois, durante a fin de semana, oito ou dez horas. Ao longo da semana apenas teño tempo. Non fago só as galletas, tamén fago os adhesivos", explica Alejandra Garrido, que tamén conta coa axuda do seu marido na realización dos cortadores.
A súa iniciativa forma parte da rede estatal 'Galletas contra el cáncer de mama', que se desenvolve entre o 1 de outubro ata o 19 deste mes, coincidindo a data final co Día Mundial do Cancro de Mama. Participan 16 reposteiras, catro menos que en 2022. "Unha das afectadas xa non está. Pero aí estivo ata o último momento", explica a pontevedresa lamentando o falecemento por esta enfermidade dunha das compañeiras que participaba neste evento solidario.
Alejandra Garrido recoñece que "eu tiven familiares que o pasaron e ao final tamén hai amigas. Cando termino cada ano digo: o que vén nin de coña; pero logo, é un ano despois e claro sempre temos a alguén próximo, aínda que sexa un amigo" e, por este motivo, cada doce meses, a creadora de galletas súmase a este proxecto: "nos primeiros anos, a miña amiga de Ferrol animábame e eu dicíalle: non teño tempo. Pero cando empeza a tocar na familia ou amigos, o tempo búscalo. Sae tempo de onde sexa".
Admite que non pode facer este esforzo todos os meses nin cada dous meses non xa por temas económicos senón tamén polo tempo que inviste no proceso de elaborar as galletas, enfornalas e empaquetarlas. "Gústame moito facer galletas pero non meterme xornadas maratonianas. Necesito tamén tempo libre", indica ao mesmo tempo que se marca o obxectivo de superar a cifra de produción do 2022 cando quedou ás portas de rexistrar un total de 1.100 galletas. "Intentarei, como mínimo, facer ese número", sinala a reposteira.
Na súa contorna móstranse sorprendidos por esta acción: "son profesora e cambio de cole todos os anos porque non teño praza fixa. Cheguei a este cole este ano e as miñas compañeiras non sabían nada ata que me viron en prensa. Coméntanme: que labor máis boa. E outros din: si, que bo pero miúdo curre. Outros se ofrecen a axudar pero como eu enforno a horas intempestivas non vou avisar a ninguén", explica.
Alejandra Garrido vende as galletas por encargo. chamando o por whatsapp, a través do número 617.439.043 ou a través das páxinas de Facebook ou Instagram de Mis deseos dulces.
Ademais os dous deseños de galletas realizados para este ano tamén se poden adquirir, ao prezo dun euro a unidade, en diversos establecementos como a cafetería Citania; PartyFiesta Pontevedra; TéKeRe Ludoteca; Ricar Moda; a xoiería Auri; as fruterías Nieves en Echegaray e Cobián Roffignac; A Balea das Cores Xoguetería. A todos estes negocios, Alejandra Garrido agradécelle a súa colaboración e afirma que cada ano máis tendas colaboran coa súa acción.
"A xente cada vez é máis solidaria", afirma esperando que este ano se logren máis dos 25.860 euros obtidos en 2022 para a AECC. Nos dous primeiros días xa se acumulaban 5.000 euros en encargos, indica ilusionada e coa esperanza de que moitas persoas poidan adquirilas como elemento de agasallo, ata para vodas, durante estas semanas.