Tres meses sen feira en Pontevedra, segundo o PSOE, pola "terquedade" do goberno municipal
Por Alejandro Espiño
Para os socialistas que Pontevedra leve xa tres meses sen a feira ambulante dos sábados débese unicamente á "terquedade" do goberno municipal tras decidir sacala da Alameda e apostar pola Avenida de Buenos Aires, emprazamento que rexeitan os feirantes.
O lugar polo que opta o executivo local é, segundo o portavoz socialista Iván Puentes, "absolutamente absurdo" e está a provocar unha "situación de tensión" entre os ambulantes e a Policía Local, así como importantes "colapsos" e retencións de tráfico.
"Hai unha alteración evidente do tráfico aínda sen celebrarse", subliñou Puentes, que lamenta que Pontevedra leve tres meses sen beneficiarse da actividade económica que xera a feira dos sábados, polo que "perde todo o conxunto da cidade".
A situación actual, dixo o edil do PSOE, é "evitable" e está a xerar un "conflito artificial". Isto débese, engadiu, á "tozudez" do goberno municipal "empeñados contra o criterio de todo o mundo" en situar a feira nun sitio "surrealista e inexplicable".
Esta decisión, segundo Iván Puentes, está baseada nun informe "político" e non técnico, que forma parte dun "engano". Este documento, que só asina a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, "é un informe chusco e impresentable" que non se sustenta en argumentos técnicos.
"Están a tratar de dobrar o pulso dos feirantes pola vía da necesidade, que só aguanten ata que non teñan ingresos", denunciou o portavoz socialista, que esixe ao Concello que deixe de "retorcer os prazos" e leve a pleno a modificación da ordenanza de venda ambulante.
Considera que a "maioría" da poboación e, desde logo, da corporación municipal desexa que a feira regrese á Alameda, algo que "é inevitable", polo que Puentes pide "humildade" ao BNG e que rectifique para "poñer fin a esta tolemia" canto antes.
Só falta, subliñou o portavoz do PSOE, que "coa desculpa que están en folga decidan suspender a celebración da feira de xeito definitivo"
SEN AVANCES EN NEGOCIAR UN PACTO DE GOBERNO
Con respecto aos contactos entre BNG e PSOE para alcanzar un pacto de goberno, todo apunta a que se trata dunha vía morta. Iván Puentes sostén que os nacionalistas decidiron "unilateralmente" suspender estas negociacións.
"Nós seguimos abertos. Se queren e o estiman oportuno que digan día e hora para sentarnos", asegurou Puentes, que entende que, aínda que non llo dixeron claramente, o BNG optou xa por gobernar en minoría e por non reeditar o bipartito.
Tampouco houbo contactos para negociar o orzamento municipal de 2024, pero si para tramitar unha nova modificación de crédito, da que xa coñecen as "liñas xerais".
Os socialistas realizaron as súas achegas a este respecto, segundo Iván Puentes, porque están "preocupados" polo ritmo de execución dos fondos europeos. A "inacción" do goberno municipal durante estes meses pon en risco moitas das actuacións comprometidas.
"Compre unha certa axilidade para sacar adiante certos proxectos. A inacción destes meses fai que teñamos un medo moi importante a que eses cartos se poidan perder", sentenciou Puentes.
Relacionadas:
-
Procesión mortuaria dos vendedores ambulantes para reivindicar a feira na Alameda
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rafael Areses volverá acoller feirantes a partir deste sábado 14 de outubro
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
Domínguez corresponsabiliza a un PSOE "sumiso y desubicado" de que Pontevedra estea "paralizada"
Por Alejandro Espiño |
-
Os ambulantes manteñen o pulso e néganse por segunda semana a montar a feira en Bos Aires
Por Diego Espiño |
-
Estrea frustrada da feira na avenida Bos Aires: ocupan a rúa con postos, pero sen venda e colapsan o tráfico
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os feirantes mantéñense firmes na súa postura: "Non renunciamos a estar na Alameda. Nin renunciaremos"
Por Redacción & Mónica Patxot |