Moldes anuncia que haberá unha "convocatoria legal" para adxudicar os nichos no cemiterio de San Xoán
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou este martes o cemiterio municipal de San Xoán para manter unha reunión de coordinación co responsable e ultimar os preparativos de cara o 1 de novembro, Día de Todos os Santos.
Así, estas semanas previas intensifícanse as labores de mellora e acondicionamento que se realizan durante todo o ano para garantir que o camposanto estea a punto para que os veciños poidan honrar aos seus seres queridos nunha data especialmente sinalada.
Ademais de preparar o cemiterio municipal, o Concello de Poio tamén colabora coa limpeza dos accesos nos diferentes cemiterios parroquiais.
Ángel Moldes aproveitou tamén a visita ao cemiterio de San Xoán para comprobar as obras de ampliación que se están realizando, e facer un "chamamento á calma dos veciños".
Asegura o alcalde que "cando sexa o momento, farase unha convocatoria legal, cunhas bases para adxudicar os nichos ou panteóns, e todos os veciños serán informados dos prazos o do procedemento para facer as súas solicitudes".
Nesta liña recorda que "a suposta lista con datos de persoas interesadas nun nicho ou panteón neste cemiterio e que manexaba o anterior goberno non ten ningún tipo de validez. Era unha lista falsa".
E por iso, di que estarán especialmente pendentes "para evitar que ese engano deixe aos veciños que se anotaron nesa lista fóra do procedemento legal. Difundiremos toda a información necesaria para que ninguén se confíe".