A humanización de Arcebispo Lago, premiada pola rede Ciudades que Caminan
Por Redacción
Vilagarcía é, xunto con Pamplona, Barcelona, Miajadas e Braga, unha das cinco cidades premiadas na décima edición dos galardóns que concede anualmente a Red de Ciudades que Caminan en recoñecemento a modelos de cidade sostibles e ás mellores políticas de mobilidade.
O premio á capital arousá foi pola humanización da rúa Arcebispo Lago.
O xurado cualificou a actuación de "brillante", destacando a "visión estratéxica" do Concello por seleccionar este enclave para o desenvolvemento dunha actuación de "transformación exemplar" e coa que se crean novos espazos de calidade para os peóns e o fomento da convivencia.
A proposta de Vilagarcía presentouse baixo o título de "O recordo do mar", motivo que inspirou o deseño encargado polo Concello ao arquitecto Mariano Vázquez para suxerir o recordo das marismas existentes outrora no espazo que hoxe ocupa a rúa Arcebispo Lago.
Coa actuación "extremadamente coidada e inspiradora", en palabras do xurado, "a típica rúa-garaxe transfórmase nun espazo de convivencia no que a auga toma un papel protagonista".
Outro dos aspectos especialmente valorados á hora de conceder o premio foi a capacidade da actuación para crear cidade e que fan que "sen dúbida esta rúa se convertera nun referente para outros barrios e, quizás, para outros municipios".
A humanización de Arcebispo Lago transformou a fisionomía dunha das principais arterias do centro urbano, que une a Praza de Galicia con Alexandre Bóveda, na zona da Praza de Abastos.
A intervención sobre os 2.400 metros cadrados que formaban a rúa pola que transitaban os vehículos, permitiu gañar para o uso peonil 1.784 metros cadrados de superficie e habilitar unha gran zona de esparexemento na que destacan as zonas verdes, as fontes e espazos con auga.
A obra precisou dun investimento de 600.000 euros que se financiaron con cargo ao programa "Vilagarcía Avanza" e ao Plan Ágora da Deputación, ambos os dous financiados con fondos europeos, e tamén cunha parte procedente do Plan Concellos.