Falece o condutor que caeu ao mar co seu vehículo en Vilanova de Arousa
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Ao redor das 00.50 horas deste sábado 21, o 112 Galicia tiña coñecemento a través dun particular que un coche caera ao mar en Vilanova de Arousa, á altura dos guindastres do peirao, na zona da lonxa.
A persoa que chamaba indicaba que aínda se vían as luces acesas do vehículo e como flotaba na auga, pero sen que se observara a algún ocupante saír á superficie.
Desde o 112 púxose en marcha un dispositivo de rescate formado polo Servizo de Urxencias Sanitarias 061; Bombeiros de Vilagarcía; Garda Civil; Policía Local; Protección Civil de Vilanova; Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se alertaba ao persoal de Portos de Galicia e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Cambados, que se desprazaban ata a zona co seu equipo de submarinistas.
Os servizos de emerxencia confirmaron, á súa chegada, que o vehículo permanecía a uns tres ou catro metros de profundidade. No interior atopábase unha soa persoa.
De inmediato, o persoal de Salvamento trasladou unha embarcación para tentar rescatar ao turismo da auga.
Os profesionais sanitarios procederon a evacuar o home cando os mergulladores de Gardacostas conseguiron retiralo do vehículo. Foi reanimado e estabilizado na zona portuaria. Trasladouse nunha ambulancia ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
Finalmente, segundo recolle Beni Yáñez no Diario de Arousa, o home falecía horas máis tarde no centro hospitalario.
Relacionadas:
-
Confiscan dúas armas de fogo a un cambadés nun control de tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Rescatan unha embarcación que chocou contra unha batea en Arousa e unha persoa resulta ferida
Por Redacción |
-
Remolcan unha embarcación cunha persoa a bordo que permanecía á deriva na Illa de Arousa
Por Redacción |