Cincuenta días de folga de limpeza en Correos e traballadoras sen cobrar dende o verán
Por María José Pita
O pasado 4 de setembro o cadro de persoal do servizo de limpeza de Correos comezaba unha folga que, tras a asemblea de traballadores convocada na última semana, ten trazas de converterse nun conflito de longa duración.
A principios deste mes de outubro, a empresa pública iniciou o proceso de rescisión do contrato con Limpiezas JCórdoba, "pero as traballadoras seguen sen cobrar e ata que haxa unha nova empresa adxudicataria decidiuse na asemblea seguir adiante coa folga", indica Iván Veiga, secretario comarcal de CIG-Servizos, en conversa con PontevedraViva.
Tras cincuenta días, a única posibilidade para desconvocar esta folga é que dende Correos informen de cal vai ser a empresa que asuma o novo contrato do servizo de limpeza e se esta vai facerse cargo do pago dos salarios adebedados. "Realmente a empresa que entre non creo que se vaia facer cargo de todos os salarios pendentes, entón nós entendemos que Correos se tiña que facer cargo de todos os salarios que se lles adebeda ás traballadoras", matiza Veiga.
Esta situación afecta a 360 traballadores en Galicia, 50 na provincia de Pontevedra. Na súa meirande parte mulleres. Trátase dun sector feminizado e precario que, no caso da concesión de JCórdoba, acarrexa prácticas abusivas, como contratos de só 20 minutos para limpar unha oficina enteira, segundo denuncia o sindicato CIG.
As traballadoras foron aturando os abusos nas condicións laborais, pero a situación volveuse insostible este verán, cando comezaron os atrasos nos salarios. Iván Veiga explica que no principio do período estival os cobros foron alternando, "houbo meses que cobraban e meses que non cobraban", e calcula que dende entón as traballadoras acumulan uns tres meses sen cobrar.
VULNERACIÓN DO DEREITO DE FOLGA
Ao non tratarse dun establecemento sanitario, nesta folga da limpeza de Correos non hai obriga de fixar servizos mínimos. Dende o sindicato lamentan que, mentres as limpadoras viven unha situación insostible, en algunha oficina postal sospeitan que os propios empregados están a facer pequenas limpezas, especialmente nas zonas que non están abertas ao público.
O caso máis extremo deuse o pasado 27 de setembro cando, ao finalizar a concentración que mantiveron na oficina central de Pontevedra, varios empregados de Correos procederon a limpar o chan, como puideron documentar os propios sindicalistas atónitos mentres recollían as súas pancartas. Ademais da falta de solidariedade coas limpadoras, Iván Veiga engade que é unha vulneración do dereito de folga "xa que a lei indica que non se poden facer funcións que non che corresponden cando hai uns compañeiros exercendo o seu dereito de folga", e así foi denunciado na Inspección de Traballo.
Achegándose aos dous meses de folga de limpeza, a situación nas oficinas de Correos está a ser imposible. Os clientes que acoden á oficina central en Pontevedra, na rúa Oliva, atópanse con tickets ciscados polo chan e as papeleiras rebordantes de lixo.
Un caso dramático é o do centro loxístico de Santiago de Compostela (Centro de Tratamento Automatizado de Lavacolla). O sindicato CIG denunciou nos últimos días a proliferación de ratas e insectos nestas instalacións, polo que solicitou á Inspección de Traballo o peche das mesmas por "risco biolóxico". Este é un novo motivo para que o sindicato pida a Correos unha solución urxente a este conflito.
Relacionadas:
-
Limpadores de Correos, ao límite tras cinco meses sen cobrar: "hai quen tivo que ir a Cáritas, e a unha compañeira sacáronlle a custodia da filla"
Por María José Pita & Cristina Saiz |
-
O sector da limpeza mobilízase ás portas do hospital do Salnés para reclamar un "convenio digno"
Por Oskar Viéitez |
-
O persoal de limpeza de Correos camiña cara ao mes de folga indefinida: "Queremos cobrar"
Por Redacción |
-
O servizo de limpeza de Correos plántase ante o atraso no pago das nóminas por parte da concesionaria
Por Manu Otero |