Condena "rotunda" de todas as administracións galegas ás violentas protestas dos bombeiros
Por Redacción
Os disturbios rexistrados este luns en Ourense e os incidentes do pasado venres en Pontevedra, os dous durante as protestas dos bombeiros comarcais das dúas provincias, levaron a todas ás administracións públicas galegas a emitir un comunicado conxunto de condena.
O comunicado está asinado pola Xunta de Galicia, as deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e expresa a súa "máis rotunda condena" ás manifestacións de violencia das dúas protestas, nas que resultaron feridas varias persoas e se causaron importantes danos materiais.
A Xunta de Galicia, as deputacións galegas e a Fegamp entenden que "calquera colectivo profesional ten dereito de reclamar melloras laborais", pero consideran "inxustificable e inadmisible" o uso da violencia nas protestas.
Ademais de destacar a actuación responsable por parte da Policía Nacional, todas estas administracións indican que este tipo de situacións "non deberían producirse nunca" xa que poñen en risco a integridade das forzas e corpos de seguridade do Estado, dos traballadores e traballadoras da Deputación e das persoas que circulan pola rúa.
Tamén sosteñen que o uso da forza "nunca vai dobregar a defensa do interese público" e instan aos bombeiros comarcais a retomar o diálogo e a negociación, como única vía posible para chegar a acordos.
No comunicado indican que os incidentes de Pontevedra do pasado venres ocasionaron danos na fachada do Pazo Provincial.
Relacionadas:
-
O alcalde de Barro expresa o seu apoio aos bombeiros en folga dos parques comarcais
Por Redacción |
-
Os consorcios provinciais rexeitan a proposta de convenio realizada polos bombeiros
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
O Pleno da Deputación aproba unha modificación de crédito para lanzar o plan provincial de infraestruturas deportivas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Bombeiros dos parques comarcais de Galicia abordan a Deputación para demandar mellores condicións laborais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |