"Auga mol en pedra dura" cataloga os bens etnográficos á beira do Gafos
Por Oskar Viéitez
A asociación Vaipolorío agasallou ao Concello de Vilaboa cun exemplar do libro "Auga mol en pedra dura, inmobiliario etnográfico do río dos Gafos", un traballo de Calros Solla que cataloga os diferentes elementos patrimoniais situados ás beiras do Gafos ao seu paso por Vilaboa e Pontevedra.
O agasallo foi recibido polo alcalde, César Poza, no transcurso dun encontro no que a asociación ecoloxista estivo representada por Gonzalo Sancho e Ramón Laxe e ao que tamén asistiu Juan J. Soto, do colectivo Capitán Gosende.
Este traballo recopilatorio recolle historias dos muíños, lavadoiros e pontellas salpicados ao longo do curso do Gafos e adica 75 páxinas a catalogar e inventariar cada uno dos elementos etnográficos situados nas parroquias de Vilaboa.
No encontro, César Poza renovou o seu compromiso con Vaipolorío de recuperación do muíño do Toxal, unha aspiración que confía en materializar ao longo de 2024, a fin de evitar un dano maior dunha estrutura con características únicas situada no núcleo de Santa Marta, en Bértola
O muíño está en pé, máis en avanzado estado de deterioro polo que urxe unha actuación de recuperación que garanta o futuro deste importante recurso patrimonial en Vilaboa, do que xa hai referencias claras na documentación catastral do Marqués da Ensenada de 1749.
Trátase dun muíño pertencente á modalidade de rego dunha única moa; unha edificación simple que acolle un complexo dispositivo mecánico accionado pola forza da auga. Está composto por unha presa, que ten por obxecto captar a auga do río; a levada, que conduce a auga da presa cara o muíño salvando o desnivel do terreo; a canle, que conduce a auga cara o rodicio; unha roda hidráulica con paletas curvas e un eixe vertical que move a moa; e a edificación do muíño propiamente dita, un sinxelo edificio de planta rectangular duns 8 metros cadrados de superficie, cuberto por un tellado a dúas augas constituído por paredes de cantería irregular nos que unicamente se practican dous vanos, un para acceder e outro para levar luz ao interior.
Para César Poza trátase dunha xoia arquitectónica e patrimonial "que fala de nós, da nosa cultura e das nosas tradicións". Por elo, o Concello traballa na localización dos propietarios deste inmoble de quenes precisa autorización para proceder á rehabilitación; un paso previo á búsqueda da financiación necesaria para acometer os traballos.
Relacionadas:
-
Vaipolorío conclúe o ano retirando árbores caídas no paseo do río Gafos
Por Anxo Lourido |
-
Xa se perde a conta das verteduras de lixo denunciadas no ENIL do Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío denuncia outra vertedura de lixo no ENIL do Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío lamenta que as "desavinzas" políticas demoren abrir a "cripta" do Gafos
Por Redacción |
-
Campolongo reclama "deixar de dar voltas" co destape do Gafos "e saber se o van a abrir ou non"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Aínda se verten moitos residuos aos ríos
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío retirou en agosto máis dunha tonelada e media de lixo do Gafos
Por Oskar Viéitez |