Aínda se verten moitos residuos aos ríos
Por Oskar Viéitez
Esta fin de semana foron novamente moitas as persoas as que se mollaron polos ríos na XVI Limpeza Simultánea.
Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas as persoas participantes tiñan o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
Este domingo 24 de setembro de 2022 realizouse a XVI Limpeza Simultánea de Ríos en 52 municipios de toda Galicia. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando a máis de 60 entidades.
Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Apareceron rodas, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc... As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e tamén máscaras, tampóns e compresas.
Dende a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) consideran que "é preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras".
No caso do río dos Gafos 25 voluntarios de Vaipolorío recolleron 60 quilos de lixo, dos que 30 eran refugallos.
En Soutomaior participaron preto dun centenar de veciños que traballaron non só na retirada de lixo, tamén na eliminación da flora invasora, dun tramo da ribeira do río Verdugo e Daión, e debido ao éxito da convocatoria, tamén estiveron na Ponte Colgante e na contorna do Refuxio de Pescadores.
No reconto preliminar, calculan que os residuos de tódolos concellos suman case 4 toneladas, pero o principal obxectivo non era este. "O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade", o voluntariado denuncia que "a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta".
Relacionadas:
-
Lourenzo quere recuperar os nove muíños de Daión
Por Redacción |
-
Xa se perde a conta das verteduras de lixo denunciadas no ENIL do Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío denuncia outra vertedura de lixo no ENIL do Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
"Auga mol en pedra dura" cataloga os bens etnográficos á beira do Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Augas de Galicia limpa o treito interurbano do río Baltar
Por Redacción |
-
Vaipolorío retirou en agosto máis dunha tonelada e media de lixo do Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Queres participar nunha xornada de limpeza do río Gafos?
Por Oskar Viéitez |