PDRA e Plademar piden medidas corretoras polas habituais enchentes de auga doce que se producen na ría de Arousa
Por Anxo Lourido
As Plataformas en defensa das rías de Arousa e Muros-Noia - PDRA e Plademar - en colaboración con representantes do sector do mar alertan das recorrentes inundacións de auga doce que se rexistran en bancos marisqueiros das rías coincidindo con episodios de choivas abundantes nas concas hidrográficas dos ríos Umia, Ulla e Tambre.
Lembran que en xaneiro se produciu esta situación causando unha forte baixada de salinidade na columna de auga ata varios metros de profundidade. A iso sumábase o incremento de turbidez das augas río abaixo debido ás partículas en suspensión procedentes de desaugadoiros do fondo dos lodos dos encoros, que baleiraron o seu contido provocando que se depositasen nos bancos marisqueiros como nas cordas de mexillón.
Ante a abundancia de choivas durante este mes de outubro, os representantes destas Plataformas temen que se repita a situación.
Lembran que o organismo público Augas de Galicia encárgase de vixiar tanto o caudal ecolóxico como as partículas en suspensión e o grao de turbidez, ademais de regular o baleirado dos encoros mediante un protocolo que evite a coincidencia da auga doce coas mareas baixas e as intensas choivas.
Denuncian abandono por parte da administración na súa obrigación de regular, vixiar e sancionar o impacto do exceso de auga doce e de lodos procedentes dos encoros nos cultivos marisqueiros das rías.
Tamén sinalan que enviaron escritos a Augas de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, reclamando medidas correctoras e a incorporación das Plataformas e das confrarías ás comisións de desembalse respectivas.
Expoñen que non recibiron resposta desde fai oito meses e lembran á Xunta de Galicia que non exculpa á administración autonómica das súas responsabilidades sociais, legais e políticas no exercicio das súas competencias plenas na materia. Piden medidas correctoras tanto técnicas como regulamentarias necesarias para evitar que se repita o problema destas escorrentías.