A serie mexicana "Atrapada" inspira un videoxogo deseñado no campus de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Un xogo de "sixilo e aventura". Así será Miau Light, o novo videoxogo que se desenvolverá no campus universitario de Pontevedra. Estará inspirado na serie mexicana Atrapada, un drama policial que será o punto de partida deste proxecto.
Coa idea de explorar as posibilidades, o alumnado que participa no deseño deste xogo, estudantes da Facultade de Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, mantivo un encontro cun dos guionistas da serie, Daniel Govantes.
Este cedeu para o proxecto a escaleta dun dos guións que realizou para Atrapada, unha serie protagonizada por unha muller nova que se converte en ladroa para recuperar á súa familia.
"Queríamos experimentar cun produto de televisión", explica a profesora Beatriz Legerén respecto da proposta escollida para levar a cabo esta experiencia de innovación docente na que traballan conxuntamente, en sesións semanais, os estudantes pontevedreses.
Tras semanas de traballo, os participantes nesta iniciativa xa teñen unha proposta de videoxogo, que ten como protagonista unha nena que se ve envolta nunha grande explosión causada polo enfrontamento entre dous carteis mexicanos.
Despois de este incidente, segundo os seus repsonsables, atoparase nun "mundo escuro" no que vai sendo guiada por un misterioso gato.
O alumnado de Comunicación Audiovisual encargarase do guión do xogo e da xestión do proxecto e o de Telecomunicación centrarase na parte máis técnica.
O resultado final será un primeiro nivel ou unha demo do xogo, que en decembro presentarán tanto aos docentes responsables desta iniciativa como a profesionais da industria.
Relacionadas:
-
Mercedes Soto, única candidata ao Decanato de Fisioterapia
Por Redacción |
-
"Infamia" de Ledicia Costas inspira un videoxogo desenvolvido no campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Premian catro ideas emprendedoras "socialmente útiles" vinculadas co Campus Crea
Por Redacción |
-
Un videoxogo feito en Pontevedra achegará a problemática do cambio climático no medio mariño
Por Redacción |
-
O Concello vería "fantástico" unha titulación sobre videoxogos no campus e ofrece a súa colaboración
Por Alejandro Espiño |