Desarticulan un importante punto negro de venda de droga nun piso de Monte Porreiro e o seu xefe acaba en prisión
Por Natalia Puga
Unha operación conxunta das policías Nacional e Local de Pontevedra permitiu a desarticulación dun importante punto negro de venda e distribución polo miúdo de cocaína que funcionaba nun piso do barrio de Monte Porreiro.
A operación, bautizada 'Cabra', deixou cinco investigados, entre eles o presunto xefe, o único deles que foi detido e que, tras pasar a disposición xudicial, foi enviado a prisión.
Segundo a información policial facilitada, as investigacións iniciáronse a finais de verán. A Unidade de Delincuencia e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional recibiu unha serie de informacións sobre a localización dun punto de venda polo miúdo en Pontevedra e pediu a colaboración do grupo SAI da Policía Local para poñer en marcha unha operación conxunta entre ambos os Corpos Policiais.
Tras meses de vixilancias coordinadas entre ambas as policías, lograron determinar a identidade da persoa responsable dun grupo criminal que se dedicaba a vender substancias nun piso do barrio de Monte Porreiro, en especial cocaína.
O grupo estaba integrado por persoas cos roles diferenciados que vendían cocaína, heroína, haxix e marihuana noutras zonas da cidade.
O principal punto negro era un piso de Monte Porreiro, que se utilizaba para a venda de substancia e a súa distribución polos arredores.
O pasado mércores, 25 de outubro, os policías realizaron un rexistro e procederon á detención do xefe. No seu domicilio atoparon 30 gramos de cocaína preparadas en dose para a venda e distribución tanto a mediana escala como polo miúdo, un anaco de cocaína de gran pureza en formato roca de 120 gramos, 180 gramos de haxix, marihuana en forma de cogollos, dúas armas de aire comprimido coa súa respectiva munición, básculas de precisión, e material para a preparación de diferentes doses.
A Policía Nacional destaca que con esta actuación deron un "golpe importante" aos puntos de venda polo miúdo na cidade de Pontevedra.
Engaden que este punto de venda de Monte Porreiro "estaba a ocasionar moitos problemas na zona afectada".
Relacionadas:
-
Detidos cinco veciños de Vilagarcía por tráfico de drogas
Por Redacción |
-
Os sindicatos policiais reclaman máis seguridade cidadá, máis medios e máis policías
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local denuncia tres condutores en só seis horas por conducir borrachos ou drogados
Por Natalia Puga |
-
Desarticulan un punto negro de venda de droga e incautan 50 quilos de marihuana en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Detida unha veciña de Caldas por vender droga nas proximidades de dous colexios
Por Natalia Puga |