O Edificio Castelao do Museo contará cun baño adaptado para persoas ostomizadas
Por Redacción
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este sábado no marco da VII Xornada de Ostomía que se celebra no Hospital Montecelo que o Edificio Castelao do Museo contará cun baño adaptado para persoas ostomizadas, no marco do compromiso da institución provincial para garantir os dereitos das persoas afectadas.
Domínguez participou na apertura desta xornada, promovida pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizadas (ASSEII) en colaboración co Sergas e que se celebra este sábado no Hospital Montecelo.
A cita, que se enmarca na celebración do Día Mundial das Persoas Ostomizadas, ten como obxectivo visibilizar este proceso e amosar as ferramentas para mellorar o coidado do paciente a través de distintas charlas e mesas redondas da man de destacados expertos sanitarios.
O novo baño adaptado, segundo anunciou o vicepresidente, estará situado na planta baixa do Edificio Castelao. Será unha instalación perfectamente equipada, con aparatos sanitarios e lavabos adaptados e todos os demais útiles e mobiliario necesarios. Este edificio do Museo de Pontevedra conta na actualidade con outros dous baños adaptados á persoas con diversidade funcional, no soto e no segundo andar.