Unha familia denuncia berros, agresións e ameazas da coidadora do autobús a un neno de 3 anos: "é un perigo para o noso fillo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Adrián Cons e Sandra Filgueira libran desde hai semanas unha batalla para preservar a seguridade do seu fillo de tres anos. Consideran que o trato que recibe o neno non é o adecuado cada vez que se sobe ao autobús escolar para ir desde Vilanova de Tenorio ao colexio de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, e piden que se cambie á coidadora responsable do transporte. "É un perigo para o noso fillo", afirman.
A situación comezou semanas atrás, cando outra nena lles contou que a acompañante do autobús escolar non se comportaba de forma adecuada co seu neno, con berros, ameazas e mesmo agresións, sempre segundo o seu relato. O neno apenas lles conta nada, pois fala pouco e tan só ten tres anos, pero si empezaron a detectar que algo pasaba porque, de súpeto, un día, "empezou a dicir que non quería ir en autobús. Non, non, non".
Tirando do fío, descubriron comportamentos da coidadora cara ao neno que non lles gustaron e queixáronse ao centro, a compañía de autobuses, a empresa que contrata á coidadora e tamén á Consellería de Educación, á que xa presentaron dous escritos formais pedindo que se substitúa a esta traballadora.
A preguntas de PontevedraViva, a delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra confirmou que "tan pronto a Xunta tivo coñecemento deste asunto", púxose en contacto co centro escolar e tamén coa concesionaria do servizo de autobús "co obxectivo de tratar de aclarar o sucedido".
Fuentes oficiais indicaron a este xornal que a Xunta lle requiriu toda a información á concesionaria do servizo de acompañantes do autobús escolar "co obxectivo de avaliala e poder esclarecer o acontecido e adoptar as medidas que se consideren necesarias".
Esta parella de Vilanova de Tenorio pide expresamente a substitución da coidadora porque "temo que o meu fillo poida sufrir algún tipo de agresión máis por parte dela", segundo fai constar a súa nai nun escrito presentado na Xunta.
Aseguran que a acompañante xa agrediu ao seu fillo dúas veces, "unha zarandeándolo polo brazo e poñéndolle o xeonllo no peito" e outra "zarandeándolo polo corredor do autobús por un brazo".
O último episodio ocorreu o venres 27 de outubro e presenciouno Adrián cando esperaba na parada do autobús a que chegase o seu fillo. Segundo relata, a profesora déralle ao neno uns papeis para os seus pais e, ao chegar á súa parada, o neno pensou que lle quedaban no asento do autobús e tentou collelos.
Nese momento, segundo relatan os seus pais, a coidadora "enganchouno por un brazo, tirando del con forza mentres o neno se agarraba ao asento e ela seguía tirando do brazo e retorcéndollo". O resultado foi que o neno caeu ao chan de costas e levo "un golpe forte". O pai recoñece que, ao ver a escena, dirixiuse ao autobús e dixo palabras que poden considerarse inadecuadas porque viu ao seu fillo en perigo.
Noutra ocasión, explican que o neno estaba a gardar a súa cazadora e "ela empezou a tirar do neno fóra do asento mentres lle gritaba: Acaba dunha vez, neno, que non teño todo o día para estar aquí por ti, teño máis cousas que facer". A continuación, segundo asegura a familia do neno, a muller baixou as escaleiras "dicindo palabras inapropiadas".
Ademais destas "agresións", relatan episodios nos que ven "malos tratos psicolóxicos" cara ao neno e tamén berros e "ameazas". Así, outros escolares que fan este mesmo traxecto do autobús escolar trasladáronlles "que ameazou ao meu fillo con darlle co cinto nas pernas e as mans se se portaba mal".
Denuncian, así mesmo, que "non se molesta nin en poñerlle o cinto" ao neno e tenllo que poñer outra nena e que algúns días tampouco o axuda a subir ao autobús a pesar de que a el, ás veces, cústalle.
Segundo o relato desta familia, tentaron falar coa coidadora, pero, cando lle piden explicacións, "só se dedica a dicir que o meu fillo é un maleducado porque non sabe esperar a que baixe ela primeiro e que ela manda no autobús". Aseguran que unha vez tamén lles dixo "que leve eu ao meu fillo ao cole no meu coche e así evito problemas con ela".
"Como nai pido que se tomen as medidas necesarias e se substitúa a esta acompañante xa que é un perigo para o noso fillo", insistiu a nai no seu último escrito #ante a Xunta.