O PP pide que se declare a Ponte Caldelas "zona catastrófica" tras o desbordamento do Verdugo
Por Redacción
O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponte Caldelas solicitou ao alcalde a convocatoria urxente dunha Xunta de Portavoces para analizar as consecuencias do último temporal, que ocasionou cuantiosos danos no campo de fútbol de Chan da Barcia ademais de en leiras particulares ou nas instalacións dos Coribantes de Buchabade.
Ante a grave situación, en especial pola situación do campo de fútbol da localidade, o PP propón a creación dunha fronte institucional que solicite formalmente a declaración de zona catastrófica que facilite o auxilio de Goberno central, Xunta e Deputación.
"Debemos unir esforzos todos para dar unha resposta positiva ante un grave suceso que afecta de maneira moi directa á Escola de Fúbol do Ponte Caldelas, á agrupación de música tradicional Os Coribantes de Buchabade, as propias instalacións municipais en varios edificios públicos, ao pavillón de deportes así como a muros e vivendas particulares da veciñanza que resultaron asolagadas pola especial virulencia deste temporal no noso municipio", explicou o portavoz popular, Antón Xil.
A petición ao Concello foi xa presentada a través do rexistro telemático da administración local.
Relacionadas:
-
Un novo céspede artificial en Chan da Barcia cunha "drenaxe especial" para soportar futuras crecidas do Verdugo
Por Diego Espiño |
-
Tras o desastre, solidariedade: A Lama cede "por tempo indefinido" as súas instalacións á SCD Ponte Caldelas
Por Diego Espiño |
-
Ponte Caldelas pide axuda a Xunta e Deputación para afrontar os danos do temporal: "Sinto rabia e impotencia"
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- O temporal esnaquiza o campo de fútbol de Chan da Barcia: "É un desastre"
Por Diego Espiño |