Aprobada a suba das taxas de lixo, saneamento e o imposto de circulación en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou, cos votos a favor dos concelleiros do Partido Popular, a actualización das taxas dos servizos municipais relacionados co saneamento, o tratamento de lixo e o imposto de circulación.
O goberno local argumenta que, despois de máis de cinco anos sen actualizar as taxas, era necesario acometer a harmonización fiscal con esta subida cumprindo coas directivas europeas e como consecuencia tamén do aumento da inflación, o prezo de combustibles e enerxía ao mesmo tempo que se quere manter servizos de calidade.
Desde o goberno do alcalde Jorge Cubela expoñen que as ordenanzas conteñen bonificacións ao 100% para aquelas familias sen recursos económicos con ingresos que se sitúen por baixo do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).
Apuntan que o Concello está obrigado a asumir apróximadamente de media o custo do 50% do servizo deficitario de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos; a rede de rede de sumidoiros; saneamento e depuración de augas residuais; ademais da actualización do imposto de vehículos, coñecida popularmente como a "viñeta"; e varias taxas de uso de instalacións municipais entre as que se inclúen pavillóns polideportivos; o campo de fútbol de As Extremas e o ximnasio de Cerdedo.
O servizo de saneamento presenta, segundo o goberno local, un déficit de 102.000 euros anuais. Coa medida, afirman as fontes municipais, redúcese a 60.000 euros.
O servizo de recollida de lixo tamén resulta deficitiario en canto a custos. A subida provocará que cada domicilio familiar pase de pagar 40 euros anuais a 49 no 2024.
O pleno tamén aprobou unha modificación de crédito coa reatribución de 526.000 euros reservados para afrontar a achega municipal para construír a Residencia de Maiores e o Centro de Día de Carballedo. O goberno local indica que a execución do proxecto non será inminente e o diñeiro destinarase a afrontar o pago puntual de facturas de provedores sen necesidade de recorrer a crédito dunha entidade financeira.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
O BNG votou en contra do incremento de taxas durante a sesión plenaria. Ernesto Filgueira entende que se trata dunha subida "desproporcionada" nunha etapa en que a inflación "golpea con dureza" ás economías familiares.
Argumenta que en relación coa recollida de residuos sólidos, a recollida para as vivendas ascende un 22%; cifra que se eleva ao 84% para hoteis de menos de 15 estancias e a un 69% para supermercados, bares e pequenos negocios. Sitúa este incremento nun 207% no caso dos restaurantes con capacidade superior aos 50 comensais.
En canto a saneamento de augas residuais, Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, explica que se pasa de cero a sesenta euros para aquelas vivendas con enganche á rede de saneamento público. Considera que carece de sentido que un comercio deba pagar unha taxa de 80 euros mentres un bar ou unha cafetería, con maior uso de baños, se enfronta a unha taxa de 12 euros.
Pola súa parte, o grupo municipal socialista cualifica esta medida de "sablazo" de Cubela á veciñanza e manifesta que ao alcalde lle falta 2carraxe necesaria" para denunciar que tamén Cerdedo-Cotobade "está "afotado" polo infrafinanciamento crónico por parte da Xunta de Galicia.
Denuncian que volve desaparecer a "partida pantasma" para a nova residencia cunha "vergoñenta modificación de crédito" para pagar as facturas que "Cubela acumulou no caixón", segundo as críticas dos socialistas realizadas pola portavoz Ana Couto.