A escola infantil do Revel estrea un renovado patio interior
Por Redacción
Que os nenos e nenas da escola infantil do Revel teñan unha zona de lecer cuberta adecuada ás súas necesidades, especialmente pensando no inverno. Ese foi o obxectivo das obras que o Concello de Sanxenxo realizou no centro, acondicionando o seu patio interior.
A actuación, que impulsaron os departamentos municipais de Servizos e Educación, supuxo a renovación do céspede artificial e a substitución da superficie de terra por formigón puído con ferros para amortecer o golpe en caso de caída.
Aproveitando o cambio do céspede por un de maior calidade e antiestático, realizouse unha profunda limpeza de paredes e fachada da instalación municipal.
O Concello de Sanxenxo conta con dúas escolas infantís municipais, O Tombo e O Revel, esta última a de maior matriculación con máis de 60 usuarios. Ambas as escolas contan tamén co servizo de comedor con cociña nas propias instalacións.
Sanxenxo destina cada ano 570.000 euros a estes dous centros, que permanecen abertas os doce meses do ano para axudar na conciliación das familias que traballan no sector turístico durante os meses de verán, o que significa un investimento por usuario de 4.672 euros.