O proxecto de ximnasia para maiores de Sanxenxo, finalista nos premios europeos "Beactive Awards 2023"
Por Redacción
O proxecto europeo sobre actividade física para maiores no que participa España a través do Concello de Sanxenxo e a Universidade de Vigo, xunto con Portugal, Italia, Bulgaria e Hungría é un dos tres finalistas ao premio BeActive Awards 2023 da Comisión Europea, na categoría de Across Generations.
Este premio outórgase aos proxectos con maior impacto nas comunidades de persoas seniors de Europa. O gañador coñecerase o 23 de novembro en Bruxelas.
A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, xunto ao edil de Deportes, Marcos Guisasola, e o coordinador do grupo HealthyFit da Universidade de Vigo, José María Cancela, acudiron este xoves a unha das sesións de actividade física no pavillón de Baltar con máis de 100 maiores do municipio.
Durante a visita, realizaron un repaso do proxecto que finaliza o próximo mes de decembro, tras unha prórroga de dous anos, e abordaron a posibilidade de realizar novos programas orientados á poboación senior.