Desarticulan unha organización que explotaba sexualmente a mulleres estranxeiras en pisos de Pontevedra, Marín e Sanxenxo
Por Natalia Puga
Unha operación conxunta da Garda Civil e a Policía Nacional permitiu desarticular unha organización criminal asentada na provincia de Pontevedra dedicada á explotación sexual de mujeres en pisos de citas.
Os pisos nos que exercían a prostitución estaban en varias zonas da provincia, entre elas, Pontevedra, Marín e Sanxenxo, ademais de Vigo, Porriño e Cangas.
As mulleres prostituídas nos diferentes pisos de citas investigados eran de orixe estranxeira e atopábanse en condicións abusivas, ao estar obrigadas a exercer a prostitución as 24 horas, sen apenas descansos, e a realizar prácticas insalubres, ademais de incitalas a consumir substancias estupefacientes.
A investigación conxunta conclúe coa detención de catro persoas -tres mulleres e un home- acusadas de delitos de prostitución coactiva, delitos contra os dereitos dos traballadores estranxeiros e tráfico de drogas, todos eles dentro dunha organización criminal. Ademais, hai unha quinta persoa investigada non detida.
A investigación iniciouse en febreiro de 2022 por mor da análise de anuncios de servizos sexuais en distintas páxinas web e, tras meses de investigacións, localizaron cinco pisos onde se exercía a prostitución.
Ademais, durante o trascurso da investigación recibiron unha denuncia dunha posible vítima da organización investigada e lograron identificar a novas vítimas. Foron declaradas como testemuñas protexidas e participaron activamente nas distintas xestións practicadas polos investigadores.
Durante a operación realizáronse rexistros domiciliarios en diferentes localidades, dirixidos polo Xulgado de Instrución número 2 de Cangas e, coordinados pola área de Estranxeiría da Fiscalía de Pontevedra. Tras os rexistros, todos os pisos quedaron precintados.
Nos rexistros efectuados nos pisos onde se cometeron estes delitos denotaron o volume de traballo destes anos, cuns beneficios de máis de 700.000 euros.
A investigación realizárona o equipo de persoas da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, o equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas e axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela da Brigada de Estranxeiría e o Grupo UCRIF.