O incremento do gasto en servizos básicos altera as contas do Concello de Cuntis
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cuntis celebrou na tarde deste martes un pleno ordinario no que se aprobou a conta xeral do ano 2022 cos votos favorables do grupo socialista e a abstención do Partido Popular e do BNG.
O grupo de goberno recoñeceu que "os números non son os mellores para o Concello" pero isto "dista moito do discurso catastrofista do grupo popular" que, segundo sinalaron é "un discurso que leva anos facendo que o único que intenta e sementar dúbidas sobre a xestión do concello".
O alcalde, Manuel Campos, recordou que o Concello de Cuntis "non deixa nunca ningunha factura no caixón como dí o Partido Popular".
"Todas as facturas levan o seu trámite tárdese mais ou menos en tramitar o seu pago", sinalou Manuel Campos.
O alcalde recordou que Cuntis "atópase nunha situación de endebedamento moi por debaixo do permitido que autoriza a lei que e o 75% e ofrece unha carga fiscal por habitante en ingresos directos das máis baixas da provincia e con unha execución orzamentaria moi alta, por encima do setenta e cinco por cento".
Ao mesmo tempo, Manuel Campos sinalou que "o gasto en servizos básicos foi subindo pola conxuntura económica o que fai que o Concello teña que dispoñer de mais recursos propios para gasto corrente, gastos de enerxía etc... que sufriron un importante incremento".
A voceira municipal do PP, Isabel Couselo, alertou de que os informes económicos son "alarmantes", xa que sinalan que "incurrese en gastos sen capacidade para soportalos e hai unha falla de liquidez moi seria".
O PP de Cuntis advertiu de que o feito de situarse cun aforro negativo impide que o Concello poida recurrir a calquera tipo de crédito, nin sequera para imprevistos, polo que sinalou que estamos "ao bordo do abismo".
MOCIÓNS
No debate plenario procedeuse á aprobación das mocións tanto do grupo do PP como do BNG que solicitan melloras na seguridade viaria da N-640. Neste punto o alcalde Manuel Campos explicou as medidas que se foron tomando por parte do Ministerio de Fomento para a mellora da seguridade viaria da estrada nacional N-640.
Finalizouse co debate dunha moción do BNG sobre violencia machista que foi aprobada co apoio do grupo socialista.
O PP tachou a moción do BNG de partidista e o alcalde apelou "á responsabilidade de todos e todas" para aprobar dita proposta dado que "cada un de nós estamos en contra de calquera tipo de violencia machista e temos que tratar de rebaixar o clima de crispación que está a fomentar o Partido Popular tanto a nivel nacional como a nivel local, considerando como lamentable que non se chegue a votar a favor dunha moción como esta".
Relacionadas:
-
O subdelegado do Goberno e o alcalde analizan a necesidade de reforzar o mantemento da N-640 en Cuntis
Por Redacción |
-
Os traballos de mellora no núcleo rural de Guldrigáns, pendentes da climatoloxía
Por Oskar Viéitez |
-
Un accidente frontal en Cuntis deixa dous condutores feridos
Por Anxo Lourido |
-
Reactivan os obradoiros de prevención de condutas adictivas
Por Redacción |