Un millón de euros para transformar o campo de San Roque e o mirador da Peixeira
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron este martes un convenio de colaboración para financiar os traballos para transformar a conexión do campo de San Roque co miradoiro da Peixeira, en Portonovo. As obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.
Este convenio está enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con preto de 800.000 euros, o 80 % do orzamento, e o Concello achega o 20 % restante (arredor de 200.000 euros).
Trátase dun acordo que servirá para mellorar a calidade urbana deste espazo comprendido entre a capela de San Roque e o miradoiro da Peixeira construindo unha serie de plataformas enlazadas, mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán ambos os dous espazos.
Está é unha zona moi transitada e con vivendas que está atravesada pola Avenida de Pontevedra, unha estrada cun tránsito considerable e sen elementos de calmado de tráfico que deixa os peóns nunha situación de vulnerabilidade. Con esta obra, agardan que o ámbito volva ser un espazo para a convivencia da veciñanza.
Segundo o proxecto, o tráfico rodado quedará nun segundo plano coa implantación dun carril único e badenes á entrada e saída da zona para reducir a velocidade. Deste xeito, o espazo dedicado aos peóns gañará en amplitude e estará dotado con bancos, mobiliario urbano, nova iluminación e árbores aproveitando os muros das plataformas.
Eliminaranse as barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais presentes entre o núcleo e o miradoiro ao desmantelar o muro de contención actual para renaturalizar a fachada marítima e mellorar paisaxística e funcionalmemente a conexión do núcleo co mar.
Despois de asinar o acordo, o presidente da Deputación puxo en valor o traballo que está a facer o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, para "modernizar" o espazo urbano de Sanxenxo, ao que felicitou polo súa "vontade de cooperación institucional" e polo seu "carácter municipalista, que comparte co goberno provincial".
A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Sanxenxo realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.
Relacionadas:
-
Seis empresas optan a executar a humanización da contorna do miradoiro da Peixeira
Por Redacción |
-
Esta semana sae a concurso a licitación da reforma do miradoiro da Peixeira por 990.500 euros
Por Redacción |
-
Portonovo recuperará a fachada marítima do miradoiro da Peixeira e a súa conexión co campo de San Roque
Por Redacción |