O PSOE denuncia a deriva "rancia" da Deputación por esixir traxe e gravata no acto do 25N
Por Redacción
O grupo provincial do PSOE na Deputación de Pontevedra amósase moi crítico co que consideran unha "deriva rancia" da institución, en especial, despois de recibir unha invitación que esixe "traxe e gravata" para asistir a un acto.
O voceiro socialista, Carlos Font, lamenta que a Deputación "volve aos tempos do NO-DO", en alusión ao Noticiario Cinematográfico Español propagandístico do réxime franquista.
A convocatoria que fixo saltar as alarmas esta semana foi o convite para os actos do 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, previstos xusto antes do pleno ordinario do mes o vindeiros xoves 24. Fai constar expresamente que as persoas asistentes a este acto deben vestir de "etiqueta: traxe e gravata".
Font sinala que "están a pasar cousas moi retrógradas na Deputación en moi pouco tempo". Valora que esta invitación pode ser considerada como unha anécdota, dado que a ningún deputado ou deputada lle poden impedir a entrada ao salón de plenos por non levar traxe e gravata, pero considera que é "unha mostra máis desta deriva imparable cara á naftalina".
"Un día é un pleno extraordinario e urxente para defender a Constitución e que non se rompa España, e ao seguinte un acto de etiqueta para rexeitar a violencia de xénero, violencia, por certo, á que nós preferimos chamarlle polo seu nome: violencia machista", sinala Font.
Relacionadas:
-
O PSOE critica a "parálise, erros e escándalos" do goberno do PP na Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
PSOE e BNG deixan só ao Partido Popular no Pleno extraordinario para defender a Constitución
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Eva Vilaverde, sobre as condicións do PSOE ao orzamento: "queren petardear a gobernabilidade deste Concello"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Domínguez nega que haxa "uso partidista das institucións" na convocatoria do pleno provincial para tratar a amnistía
Por Anxo Lourido |
-
O PP convoca un pleno extraordinario da Deputación para votar unha moción en defensa da Constitución
Por Oskar Viéitez |